Opinión

Persoas felices

A convención da Eliminación de todas as Formas de Discriminación contra a Muller, aprobada pola  ONU no 1979, proclamou o principio de igualdade entre mulleres e homes. Segundo isto, a igualdade tería de ser un feito consumado. Sobre todo se pensamos na morea de anos que pasaron dende 1979. Dende logo, en 36 anos, xa deberiamos estar todas empoderadas e eles afeitos ao noso empoderamento. É isto así? En absoluto, pois de termos acadado esa situación idílica que se buscaba nesa Asemblea Xeral da ONU, non habería tantas mulleres mortas. No que vai de ano, no Estado Español, foron asasinadas 55 mulleres. Que acontece entón? Por que non se consegue o que se pretende? Porque se perpertúan as relacións de poder. Tendo conta disto cómpre preguntarse cal é a razón de que se perpetúen se o desexo é xustamente o contrario. 

Estamos ante un paradoxo estraño, pois xamais houbo tal conciencia ante este problema social, mais as cifras están aí e cantan por si soas. A conclusión faise evidente. Coa lei e o discurso institucional non chega. De pouco vale que a clase política predique a igualdade, porque o que falla é a ausencia de empatía. Se falamos da violencia machista, haberá que falar de educación.

Cómpre pois implicar a pais e nais neste asunto, de xeito que poidamos acadar o que se precisa: a interiorización da propia responsabilidade neste tema. Non se pode solucionar un problema estrutural tan grave de arriba a abaixo, mais de abaixo para arriba. Antes de facermos unha lei de igualdade, que nos indique o que non se debe facer e as sancións pertinentes ás agresións, habería que educar aos potenciais agresores e as posíbeis vítimas. A violencia nace do desexo de dominación, que, malia darse fundamentalmente nos homes, dado o patriarcado no que estamos inseridos/as, conta tamén con mulleres masculinizadas que exercen a violencia contra outras mulleres non empoderadas aínda. Isto é así, guste ou non.

É fundamental entón que se interiorice a necesidade de educarmos as persoas, independentemente do sexo de seu, non só dende un punto de vista académico, mais emocional. Refírome a traballar na creación dunha autoestima sá que permita tomar decisións e saber escoller o que se quere. Unha autoestima sá constitúe a chave do empoderamento, pois se nos coñecemos ben, se nos aceptamos, xamais precisaremos da aprobación de ninguén. 

As persoas coa autoestima baixa son caldo de cultivo para recibir unha boa dose de crueldade allea. Tamén para exercela. A mesquindade que latexa baixo calquera expresión de violencia, sexa esta “sutil” -menosprezo persoal, político, cultural, laboral- ou evidente -insultos, agresións, golpes-, ten o seu berce nos propios complexos de quen a exerce. Porque alguén que se sente a gusto coa súa vida non necesita poñerse por riba de ninguén para significarse. Por esa razón, o obxectivo ha ser, dende un punto de vista educativo, formar a mocidade para aprender a sentirse feliz. Definir pois a felicidade, saber que significa e que recursos podemos xerar para acadala faise prioritario no ensino.

Educar na mesura para afrontar as dificultades e aprender a desfrutar do que se ten é unha garantía tamén de benestar íntimo. As persoas felices cóñecense ben a si mesmas, acéptanse e saben perdoarse. Non agreden a ninguén. Apoian, constrúen, potencian. Un maltratador é sempre un tipo infeliz, acomplexado e mesquiño que ve a muller coma unha rival, compite con ela na relación para poñerse sempre por riba.

Te puede interesar