Opinión

O pracer do cine

A semana pasada tivemos a fortuna de desfrutar da presencia de Carlos Saura (Huesca, 1932) en Santiago de Compostela, no Festival de Cineuropa. O director español de filmes como La caza (1965), La prima Angélica (1973), Bodas de sangre (1981) !Ay, Carmela! (1990), Taxi (1996), Buñuel y la mesa del Rey Salomón (2001) ou Flamenco, flamenco (2010), entre tantas outras, entrou no Teatro Principal, ás 20:00, para recibir o Premio Cineuropa, entregado polo edil da cidade -Martiño Noriega-, acompañado do mantedor do acto Xosé Luís Losa, alma mater do festival. Despois da entrega deste premio, puidemos ver a proxección de Zonda: Folclore argentino, un dos traballos de Saura, que saiu á luz o pasado ano. Antes diso, o director fixo mención da súa última fita, Jota, un documental sobre o baile tradicional aragonés, para o que contou coa colaboración do artista galego Carlos Núñez, que, segundo explicou Saura, compuxo unha peza singular que definiu como unha “jota galega”. 


A verdade é que, como moi ben explicou Carlos Saura na entrevista que se lle fixo en Sensacine, a cultura é algo que ficará na memoria das persoas: “Los políticos deberían pensar que lo que queda es la cultura, porque el fútbol pasará” . Non sei se o fútbol pasará ou non, mais si creo que as manifestacións culturais constitúen unha parte importante da nosa vida. De feito, tanto La caza, como Mamá cumple cien años ou Pajarico, conforman xa o noso imaxinario. Saura é un peso pesado do cine cunha traxectoria ben interesante que merece respecto e admiración. Como Berlanga (1921-2010), que nos deixou fascinados con Bienvenido Mister Marshall (1953), e, sobre todo, con Plácido (1961) ou  El verdugo (1963), alén da divertida saga iniciada co filme La escopeta nacional, á que seguirían Patrimonio Nacional e Nacional III. O mesmo sucede co xenial José Luís Cuerda  (1947), que non matou de risa con Amanece que no es poco (1988) para nos romper despois con La lengua de las mariposas (1999) -baseado nun relato de José Manuel Rivas- ou Los girasoles ciegos (2008). 
Todas as películas citadas, e moitas outras que non caberían nesta columna -aí están as de  Pilar Miró, El crimen de Cuenca (1979) ou El perro del hortelano (1996)-, forman parte das nosas vidas e constitúen un referente claro para as novas xeracións de cineastas, que, con grande esforzo, intentan sacar adiante os seus proxectos. Non sei canto tempo dedica cadaquén ao cinema, porque comprendo que existen outras actividades interesantes que xeran satisfacción, en efecto. O que si teño claro é que cómpre destacar algo importante do que non somos, talvez, suficientemente conscientes: saber desfrutar da literatura, do cine, do teatro ou da música fai a vida das persoas moito máis agradábel. 


Paga a pena entón apoiar as inciativas culturais? É evidente que si. Por iso a cegueira da clase política ao respecto desta cuestión é tan alarmante. Non saben os políticos valorar isto ou simplemente queren coutar o terreo para que só uns poucos experimenten tan grato pracer?

Te puede interesar