Opinión

Privilexiados na palestra

A polémica vai en aumento. A lista de directores, produtores e actores de cinema actuais, acusados de acoso sexual, medra que dá gusto. Aí está Alfred Hitchcock, que, polo visto, importunou -como dirían as francesas que asinaron o manifesto no que se defende o dereito a importunar- a Tippi Hedren durante toda a rodaxe de The birds (1963). Ata tal punto chegou o tema que, no seguinte filme -Marnie- o afamado director ordenou conectar o camerino de Hedren co seu despacho. Para tela á man, obviamente. Outro director sobre o que pesa unha seria acusación é Woody Allen. Iso si, neste caso, o asunto é moito máis grave xa que foi a propia filla de Allen -Dylan Farrow- quen o sinala por abuso. Segundo relata Dylan os feitos tiveron lugar no ático da casa, cando ela contaba con tan só sete anos. 

Esta acusación vén de vello, mais, a raíz do escándalo Weinstein, volveu saltar á palestra e agora son moitas máis as mulleres que apoian a Dylan Forrow. Natalie Portman e Reese Witherspoon, por exemplo, xa entoaron o “I believe you, Dylan”, no programa da todopoderosa Oprah Winfrey. Posteriorme apareceron outras como Mira Sorvino, que traballara con Woody Allen en “Mighty Aphrodite” (1995),  ou a fantástica Ellen Page, que manifestou estar arrepentida de ter traballado co acusado en To Rome with Love, no 2012. Pero, como diría o Super Ratón, “no se vayan que aún hay más”. Aí están Jessica Chastain, Susan Sarandon, Greta Gerwig ou Evan Rachel Wood… Polo de agora, Woody só parece contar coa confianza do exguaperas Alec Baldwin, alén dos seus achegados, como a súa exfilla, e agora esposa, Soon-Yi. No medio desta voráxine, reaparece na escena Catherine Deneuve, medio arrepentida de ter asinado ese absurdo manifesto, pero curiosamente ambigua e tibia. Por que volve, Catherine?; Que quere? Desculparse. Mais, ante quen? Só ante as vítimas de actos odiosos que puidesen sentirse ofendidas co devandito manifesto que ela asinou a pasada semana. 

Repito só ante elas. Catherine asegurouse de quedar ben con todo o mundo. O de “actos odiosos” vale para as que defenden o dereito a importunar e as defensoras do potente “Balance ton porc”. Mira que lista a Deneuve. Ela non quere xa casar con niguén pero si beneficiarse de todas? De que parte está Deneuve? Da súa, claro.

Te puede interesar