Opinión

Recoñecemento a Suso de Toro

Parece que, como moi ben escribiu Suso de Toro, “Los catalanes han pasado de la desafección al despegue”. A cidadanía catalá sábese parte dunha nación. Polo de agora sen estado, mais todo se andará. Torres máis altas caeron e, segundo se infire do artigo do escritor galego -porque é galego, malia escribir tamén en castelán-, a torre máis grande é España. Unha España que, en palabras de Suso de Toro, “sigue siendo de Bisbal, Manolo Escobar, la de 'Bienvenido, mister Marshall!”. Parece claro, lendo ese artigo, publicado en El País, no 2010, que a visión retrospectiva dunha España que sempre olla cara o pasado non comprace ao autor galego.

Máis partidario da España plural, De Toro remataba o artigo con estas palabras: “Catalanes, por favor, piénsenlo dos veces, unos los odian pero otros los necesitamos. Una España sin ustedes será definitivamente insoportable”. En efecto, Cataluña é odiada por un sector desa España que prefire retrotraerse, volver a un estado de cousas anterior que se fai profundamente extemporáneo, se temos conta da realidade política e social existente. Ontoloxicamente, é Cataluña iso que denominamos unha nación? É. Posúe unha lingua, amais dunha cultura, tradicións e historia propias, pero, por riba de todo, a cidadanía catalá ten iso que adoitamos denominar “dignidade”. Como encaixar isto dentro da ideoloxía imperante entre unha parte da clase política e persoas da ultradeireita? Non se pode. Tal e como está a cousa, Cataluña non cabe nunha Constitución que defende a devandita “unidade de España” e ve como “inimigos/as da patria” a aquelas, e aqueloutros, que se senten diferentes e desexan independizarse. Eis o conflito. A independencia converteuse nunha palabra perniciosa, asociada, de xeito ben intereseiro, con egoísmo e prepotencia se quen a demanda é Cataluña. Ademais disto, cómpre facer visíbel a “educación do gusto” que consegue transmitir unha visión negativa deste desexo independentista catalán, rozando incluso o dramatismo.

A dereita, sempre reacia a calquera mudanza social provocada por certas dinámicas, disruptivas aos seus ollos, ve nesa arela de independencia unha “ameaza” para o status quo. E que é o que hai? Un territorio que necesita ser pensado dende outra perspectiva diferente. O que acontece en Cataluña é froito desa necesidade. Ao meu ver, a cidadanía catalá está a vivir o “principio esperanza” que tan ben explicou Ernst Bloch. Xerou, xa que logo, a funcionalidade da utopía, na medida en que protagoniza o proceso de construción dunha realidade-que-non-é-pero-debería-ser. E será. Todo o meu respecto entón para ese pobo digno, amais dos parabéns a Suso de Toro pola Creu de Sant Jordi.

Te puede interesar