Opinión

Te recuerdo, Amanda

Sinxela, en efecto, mais estremecedora. Amanda ficou no imaxinario colectivo daquela xuventude vibrante dos setenta, habitada por ese impulso necesario para a loita. Ás veces, a melancolía é inevitábel. Sabemos que as comparacións son odiosas. Temos claro que non é aconsellábel facelo, porque o contexto político-social era diferente e aquela xente nova tiña unha inocencia, que, a día de hoxe, apenas existe. Ou si existe e comeza a espertar? Recuperar a devandita inocencia é, certamente, un proceso lento, mais revolucionario para unha sociedade acomodaticia e aburguesada. Seremos capaces de vibrar novamente con tanta paixón? Podería ser. “Nunca es tarde, me dice ella -reza outra das cancións de Víctor Jara, e continúa- la paloma volará”. Ogallá que si, aínda que, cos resultados electorais, caer no desánimo é moi fácil. En todo caso, malia este panorama político absurdo, de profundas desigualdades sociais, corruptelas e informacións sesgadas -en beneficio dos poderosos-, talvez aínda quede algunha posibilidade de renovación.

En todo caso, volvamos a Amanda, a Víctor Jara. A Manuel. Creo que, a pesar do paso dos anos, esa canción pervive na memoria de moitas persoas, ata tal punto que, sen medo a esaxerar, Amanda se materializa nas nosas cabezas. Vémola polas rúas enxoitas, á procura do abrazo de Manuel. Sentimos a enerxía dese abrazo e pensamos no voo da pomba. E voará?-, preguntámonos. En palabras do cantautor chileno, si. “La paloma volará”. No entanto, non confíamos plenamente niso. Se cadra porque o pesimismo nos atrapa na súa arañeira e non conseguimos saír. Igual somos como a pomba do poema de Alberti e erramos a nosa traxectoria... “Se equivocó la paloma./ Se equivocaba./ Por ir al norte, fue al sur./ Creyó que el trigo era agua./ Se equivocaba”.

Co paso do tempo saberemos máis ao respecto do que aquí sucede. Mentres, pensaremos en Amanda e Manuel. Na forza dese abrazo. En Jara. É bo distanciarse un pouco, por aquilo de coller perspectiva. Daquela, lembrar as torturas que sufriu o cantautor chileno, previas ao seu asasinato -ordenado polo exmilitar Pedro Barrientos, condenado por un tribunal de Orlando nestes días-, nos facilite este labor tan difícil de introspección. Até que punto nos deixamos contaminar polo cinismo e entramos nese absurdo xogo de tronos? E non será que esquecemos iso de que a revolución non vai ser televisada? A Víctor Jara, despois de 43 anos de espera. En homenaxe a súa inocencia. A Amanda. A Manuel.

Te puede interesar