Opinión

Rouco Varela

Antonio María Rouco Varela, natural de Vilalba, é unha figura relevante dentro da Igrexa católica. Témolo claro. Non é tan só cardeal, mais tamén membro da Real Academia de Doutores de España polos seus amplos coñecementos de Teoloxía. Daquela, da súa formación somos conscientes. Tamén sabemos dos coñecementos que posuía Heidegger -autor de Ser e Tempo-, o filósofo cuxa adhesión ao Partido Nacional Socialista Alemán dos Traballadores converteuno nunha figura polémica no ámbito intelectual. Do mesmo xeito, tampouco non ignoramos o talento excepcional do Ávida Dollars -anagrama de Salvador Dalí- capaz de pintar aquel Cristo impresionante -Corpus hipercúbicus- certamente sobrecolledor que, ao xeito dun  teseracto, inclúe a dimensión temporal no cadro. A cousa está clara, houbo, e haberá, malia que nos doia, persoas moi valiosas, dende o punto de vista intelectual e artístico, que trasmiten mensaxes penosas. Tal é o caso de Rouco Varela que tanto se pon a comentar, dende o seu prisma condescendente, obviamente, o interese que Habermas suscitou na mocidade do 68 -deixando entrever o carácter pueril do que, segundo el, este movemento fixo gala-, como se atreve co presunto carácter volúbel das mulleres que, co seu poder, pode “perdoar” por teren abortado.


Rouco Varela considera que as defensoras do aborto somos carne consciente, mais con pouca conciencia. Carecemos da moral necesaria para tomar a decisión que el estima correcta: condenar o aborto: non abortar. A teor disto, a deducción é evidente: se non temos criterio moral para concienciarnos da gravidade deste acto é porque algo falla. O que? A alma, por exemplo? Estes días circulou por internet e polas redes sociais unha noticia ben curiosa. Nela se informaba sobre a decisión de Rouco Varela de nos “extraer” a alma por defender o aborto. A verdade, nun primeiro momento, rin a esgalla, a continuación pasei á fase de ira pola boutade de marras, e, finalmente, cheguei á conclusión de que podía ser falsa...


Non imaxino a Rouco Varela, un tipo ben astuto, entregándose ao ludibrio con declaracións tan ridículas. Malia todo, si creo que pensa algo semellante. O cardeal ten toda a pinta de nos considerar seres anhelantes, nadas para procrear e formar unha familia. Esta visión, profundamente sexista, fica oculta nun discurso, en apariencia racional, ao respecto da necesidade de renovar unha poboación, en exceso avellentada. Agora ben, esta pretensión súa de intelectualizar o discurso relixioso queda niso, nun conato. Simplemente. Rouco Varela non considera máis familia que a tradicional: papá, mamá e nenas. Ou nenos... Daquela, o que realmente defende non é tanto a necesidade de rexuvenecer a poboación. Tampouco non a de protexer a infancia esfameada do Terceiro Mundo, pois esa inquietude súa, inmersa na defensa “pretendidamente racional” de salvagardar e aumentar a poboación infantil, constitúe unicamente un medio que utiliza para manter o status quo: a sociedade heteronormativa e patriarcal co consabido poder da Igrexa.


Cómpre, polo tanto, facer visíbel que, polo baixo desta defensa da familia tradicional como sostén da estrutura social, hai unha mensaxe de negatividade desprezábel que se infire de todo aquilo que exclúe desa “presunta normalidade” que el, en calidade de representante da Igrexa, considera ter o dereito de determinar. Así, nesa simulada preocupación demográfica que parece observarse no discurso de Rouco, o que subxace é un procedemento teleolóxico, cuxo fin é rexeitar determinadas formas de vivir. As familias conformadas por lesbianas e homosexuais, por exemplo, ou as integradas unicamente por unha nai e o seu fillo, ou un pai e a súa filla, disgustan profundamente ao cardeal. A conclusión? Moi simple: nese decoroso discurso de Rouco Varela, cun ton pretendidamente positivo, o que hai é unha negatividade clarísima. O que quere é invalidar outros tipos de agrupación humana mediante a manipulación da opinión pública, non sempre crítica. Isto é un claro exemplo daquilo que Bourdieu denominou “violencia simbólica”, algo que Varela fai moi ben, como toda a curia en xeral.

Te puede interesar