Opinión

Sexismo desprezábel

Juan Luís Londoño Arias naceu en Medellín (Colombia). No 1994. Ten, polo tanto, vintedous anos. Con esta idade xa acadou certo recoñecemento no mundo da música comercial, concretamente no ámbito da urbana... No entanto pode recoñecerse no seu traballo un certo “eclecticismo” dada a combinación de pop latino, reggaeton e trap. Disque é admirador de Justin Timberlake, mais isto non se reflicte demasiado, pois a súa imaxe pública, tendo conta das letras das cancións e da presenza dos ritmos de reggaeton, dista un pouco da imaxe do americano, que se decanta, principalmente, pola síntese de pop, soul e rhythm and blues, así é que o son das cancións deste último ten un toque “cool” do que carece o cantante latino. Pero, como se chama este fenómeno que anda nestes últimos días na boca de tantas persoas?

Maluma. Ese é o nome deste “representante do xénero urbano”, que é como el mesmo se autodefine. Supoño que non quere que o asocien co reggaeton. Pero, por que insistirá niso de que fai música urbana e non exclusivamente o devandito reggaeton? El saberá a razón exacta, mais moito me temo que é porque gosta máis do pop británico ou do R&B, como o seu admirado Timberlake. No entanto, xa se sabe, cadaquén elixe o seu camiño e Maluma, coa canción “Cuatro babys”, vén de abrir un ben diferente do de Timberlake, ao tempo que se encheu de gloria. Con ela, coa canción de marras, este efebo canoro deu conta dunha visión absolutamente machista ao respecto das mulleres e das relacións íntimas con elas. Iso sen falar da vulgaridade das expresións para referirse ás prácticas sexuais máis próximas á misoxinia feudal do que a un home tan novo ao que se lle presupón, erradamente por certo -dígoo porque hai xente nova que parece virar cara ao conservadurismo-, maior amplitude mental. Que Maluma, o da voz cavernaria -permítase o epíteto épico-, non está nestes momentos en estado de gracia. No lo está y no lo está! Que se lle vai facer? Pero, lo estará? Non o sabemos. De momento continúa nesa liña estulta da que, polo visto, lle custa substraerse. Aí temos as súas “declaracións” na conta de instagram, un bo medidor da necidade humana, como o twiter ou o facebook, por suposto, onde este mozo escribiu o seguinte: “Por una cosa o la otra siempre te van a juzgar, solo haz lo que te salga del corazón, lo que te haga feliz. Si hablaron de Jesucristo por qué te sorprendes cuándo hablan de ti?” Nótese o uso do que en morfoloxía avanzada se denomina “archimorfema de 2ª persoa” , é dicir, ese “ti” xenérico, para referirse a un conxunto moito máis amplo de persoas do que o propio “ti”. Esta consciencia lingüística de Maluma faise abrumadora, a verdade. Que crack que crack!! Véxase tamén o uso da hipérbole -un recurso literario que consiste na esaxeración- inherente á comparación con Xesucristo, porque imaxino que será iso, unha licencia do artista, aínda que igual considera ter a mesma repercusión que o personaxe bíblico... En todo caso, aí está esa capacidade de análise inmensa, que demostra cada día, para reflexionar sobre o dito, o escrito, e, no seu caso, principalmente, o cantado. A verdade é que ante mensaxes como as de Maluma, prefiro mil veces escoitar as ranciadas de Betty Missiego, que polo menos non se pensaba transcendente.

Te puede interesar