Opinión

O síndrome de Pedro Sánchez

Felipe VI, no seu discurso sobre a situación en Cataluña, fixo referencia á unidade de España. Á cordialidade e bo entendemento. Ao diálogo dentro das marxes da legalidade constitucional. Insistiu entón na necesidade de manter a devandita unidade e perseverou na defensa dunha sociedade democrática na que asegurou vivimos inseridas todas as persoas que conformamos o Estado Español, ao que el denomina España. O ton foi monocorde. A posta en escena? A esperábel nestes casos. Felipe levaba un traxe escuro e ofreceu ante as cámaras un rostro circunspecto. Fronte a este discurso tan firme, pronunciado con convencemento, temos, gravadas xa para sempre na memoria esas imaxes do maltrato que as “forzas de ocupación”, como lles din as/os independentistas, exerceron contra a cidadanía catalá que pretendía facer realidade o seu soño político. 

Que unha gran cantidade de cataláns e catalás non se sente parte do Estado Español e querería a independencia, é unha realidade palmaria; que nós, pola nosa banda, non estamos preparadas nin preparados para un diálogo aberto con Cataluña tamén. Desdramatizar esta cuestión sería ben interesante para mudar a visión do que entendemos por España, na que, obviamente, non hai acordo, pois o conflito está aí e as proclamas de unionistas e separatistas parecen ir en aumento. A idea de que Cataluña se separe preocupa e incomoda as/os representantes políticos de dereitas. Tamén a algúns da esquerda, porque Pedro Sánchez era de esquerdas ou non? Esta pregunta faise inevitábel dada a actitude de Sánchez, que, pouco a pouco, amosa un achegamento “sutil” cara á dereita. Para que nos entendamos, que simpatiza máis con Rajoy que con calquera de Podemos ou de Izquierda Unida. A verdade é que só pensar que se integrou nun partido cuxas siglas, PSOE, fan referencia ao socialismo -lembrará Pedro Sánchez o que é iso?-; á clase obreira -esquecería que esta clase social existe e carece dos privilexios dos que el si pode desfrutar?- e a un estado, que, a día de hoxe, ten de afrontar algo para o que non está preparado, faise bochornoso. O arrandeo de Sánchez aburre mortalmente, pero centrar isto nel, na súa incompetencia política, non serve para nada. Só para experimentarmos irritación, e, sinceramente, non paga a pena perder o tempo cun asunto tan ridículo. O que cómpre é revisar ese concepto obsoleto de España, xerar un diálogo real, aberto e honesto, sen represións nin violencia policial, porque o acontecido en Cataluña é unha vergonza. 

umillar fisicamente á cidadanía mediante golpes e obrigala a algo é un exercicio de autoritarismo e violencia que nega a existencia desa democracia da que tanto se ten predicado. Pero en que mundo vivimos? “Ou fas o que che dicimos ou prepárate”, vén dendo a mensaxe ditatorial que se infire da agresión policial. Ser trending topic por algo coma isto é sintomático dunha sociedade enferma, que perdeu o norte e non sabe cara a onde vai. Que sucede? Estamos como Pedro Sánchez ou que pasa aquí?

Te puede interesar