Opinión

Tipos agradábeis

Máis unha vez a veciñanza declara que o asasino era un home “agradábel”. Do emprego deste adxectivo inferimos que endexamais viron nada que resultase estraño até o punto de que se puidese sospeitar nada tan terríbel como o que pasou. Supoño entón que era un home querido e respectado pola comunidade, como debe ser. Claro que si! No entanto, malia esta “presunta” aurea mediocritas en que se presupuña que vivía a parella, aconteceu a traxedia. María Isabel Márquez Uría, de 65 anos, apareceu morta na súa casa de Oviedo. Tiña varios golpes na cabeza que Jorge P. V. lle propinou cun par de pesas. Obviamente Jorge P. V. é o “presunto” asasino.

Haberá que manter o de “presunto”, malia sabermos que xa confesou o crime. Iso si, María Isabel Márquez Uría non é “presunta” de nada. Ela foi a vítima e non morreu. Asasinouna. Así é que nin “presunta vítima”, nin “presunta asasinada”, nin “presunta falsa denunciante”. Segundo as informacións que se poden ler en diferentes medios de comunicación, parece ser que, Jorge P. V. , o “presunto asasino”, pretendía con ese acto terríbel liberar a María Isabel de todos os problemas e angustias que a acuciaban. Haberá que llo agradecer? Poderemos entón denominalo tamén o “presunto liberador”? Curioso este presunto, como tantos outros presuntos que nos arrodean.

Por todas partes. Porque se algo temos claro as mulleres é que os presuntos existen e non sempre veñen vestidos con traxe de guepardo. En moitas ocasións están ao noso carón, e, coma quen non quere a cousa, vanse filtrando en distintos movementos sociais, poño por caso, para defenderen discursos de liberación que inclúen o feminismo nas súas bases. Como declararse feminista, e, ao mesmo tempo, ter no “curriculum afectivo” un expediente penoso cunha longa lista de mulleres que o desprezan por actitudes bochornosas que nada teñen que ver co feminismo do que se gaban? Velaquí o trazo social máis significativo desta historia dos “presuntos machistas” e as súas “presuntas cómplices”: a hipocrisía.

Na Antigüidade Clásica, refírome a Grecia concretamente, denominaban aos actores hipócritas, porque respondían ao coro con máscaras. Desta idea de presentarse ante o público cunha máscara para interpretar o seu papel é de onde nós recollemos este adxectivo para describir a aquelas e aqueloutros que ocultan a súa identidade real -normalmente pouco interesante-, por iso de nos parecer mellores do que son. Hipócritas son aqueles e aquelas que falan sempre como se houber un veo polo baixo dos seus ollos e soltan mentiras con apariencia de verdade cunha fecuencia alarmante. Malia o esforzo que realizan, sabemos que menten e xa non lles cremos nada. Son, polo de agora, os “presuntos machistas” da esquerda. Até que deixen de selo.

Te puede interesar