Opinión

Vixiar e castigar

O dereito á privacidade é un dereito civil contemporáneo, na medida en que os problemas e as tecnoloxías que a poñen en perigo son contemporáneos. A vixilancia vai ligada a un desexo de control. Ter o control sobre a vida da cidadanía, saber todo da mesma, incluso o máis secreto, proporciona poder a quen posúe ese control. Pero, por que se controla? Para protexernos? E moi importante, por que non querer contar cousas persoais aos demais ten que implicar asuntos sucios? Non todo o que se quere manter en segredo ten de ser, obrigatoriamente, algo que poidamos considerar “malo”.

Moitas persoas, ao falaren de si mesmas, mencionan e obvian o que lles prace. Nin todo o que contamos vai reflectir actitudes coherentes e construtivas, nin todo o que se oculta as incoherentes e destrutivas. Así é que se pensamos no asunto das cámaras nas aulas, poderiamos deixar a desconfianza a un lado, porque que as razóns que moven ao profesorado á protesta contra esta medida de vixilancia e control, nada teñen que ver con ningún tipo de infracción, delito ou malos tratos. Este rexeitamento obedece, tan só, a un exercicio de autodefensa, para preservar a naturalidade das relacións que o devandito profesor estabeleceu co seu alumnado. A represión favorece a rabia, o rancor. O acatamento entón de determinadas normas será, polo tanto, falsa, porque o único que se persegue con esa representación é pasar inadvertido, non ter problemas con ningunha persoa en particular nin tampouco non cunha institución en particular. Isto significa que nada do que se observe a través desas cámaras transmitirá realidade ningunha.

O que veremos será tan só unha representación da mesma mellorada, dada a coacción das persoas, que, ao e seren conscientes de que as observan, modificarán a súa conduta, para que pareza mellor. Ou simplemente menos mala. Esta medida de control xa se puxo en práctica en Estados Unidos, e, como noutras ocasións, nun exercicio de imitación, queremos implantala aquí. Polo de agora, na Galiza, só se porán cámaras en zonas comúns como o patio, os corredores ou o comedor escolar. Xamais nas aulas. De momento. A finalidade disto? Segundo parece evitar os malos tratos e favorecer así a seguridade dos/das menores. Curiosa visión a de crer que é posíbel unha convivencia harmoniosa froito do temor ás consecuencias. A idea non é evitar o castigo, mais poñer en valor o ben común. Delirante e patético este “mundo feliz”. Só nos queda tomar a pílula de “soma” e xa está, felicidade garantida.

Te puede interesar