Opinión

A voz do tambor

Fran Pérez (1968-2016), máis coñecido no mundo da música como Narf, non se limitou simplemente a pasar pola vida, foi quen de a habitar. Fíxoo coma os grandes, ofrecendo algo de interese real aos demais. Uns, como Leonard Cohen, deixáronnos unha poesía estremecedora, e outros, coma el, a exquisitez da súa música. Co seu talento incuestionábel encheu bares de Compostela e salas de concertos suscitando gran paixón. Isto non é doado de facer, porque iso de que o público cante, salte, se emocione e vibre non vén determinado unicamente polo talento mais por un traballo rigoroso, tenaz. Foi entón esa gran dedicación a que propiciou a excelencia.

Aí están os recoñecementos recibidos, á marxe do cariño de todas as persoas do mundo da cultura que este martes manifestaron unha pena grande polo seu pasamento. Narf conseguiu, coa fusión de ritmos, un son especial, admirado e respectado en moitos lugares do mundo. Proba disto son os múltiples concertos en diferentes festivais como, poño por caso, o Mercado Cultural de Salvador Baía, Câmbio Sonoro -Recife-, Antídoto -Sao Paulo-, Festival d'Agosto -Maputo-, Festival de Mindelo, ou tamén Cantos na maré -Pontevedra-, e Liet Lavlut -Östersund-, onde levou o segundo posto no concurso da canción en linguas minorizadas europeas. Ademais disto estivo recentemente de xira por Estados Unidos coa cantante Uxía Senlle, coa que realizou un dos seus últimos discos, Badaladas da Galiza imaxinaria.

Todo isto sen pensar xa noutro tipo de recoñecementos de  envergadura como o Premio da Crítica en Barcelona, ao Mellor Musical do Ano, en 1995, por Annus Horribilis, alén dos cinco María Casares polos espectáculos Río Bravo, Finis Mundi, Circus, Sidecar, Annus Horribilis -outra vez, si- e O segredo dos Hoffman.

Pero talvez o mellor premio recibímolo nós, o seu público, que, malia non sabermos cantar, se temos ouvidos e gostamos da boa música, esa que se define polo seu son, porque a música realmente potente é o que fai, soar. Valoro especialmente a vibración que transmitía, ese saber enchouparse de ritmos africanos ou brasileiros dos que tanto poderiamos aprender. De todas as cancións, quédome con esta, “Quero ser tambor”, porque intúo que nesa pretensión figurada radica a esencia do artista, pois Narf non cantaba. Soaba. Por iso vibrabamos con el.

Te puede interesar