Opinión

WOODY ALLEN

Despois de varias semanas en carteleira, comprobamos que 'Midnight in Paris' parece compracer aos/ás espectadores/as. Enténdese o triunfo. Non é que esteamos diante dun filme extraordinario, en absoluto. É que nel se ofrecen algúns ingredientes interesantes que manteñen atento ao público. A presencia de xente cool, o tema da crise na parella e, sobre todo, a recuperación do ambiente artístico do París dos anos vinte -con Gertrude Stein polo medio, acompañada, entre outros, por Heminway, Zelda Sayre, Picasso, Buñuel ou Cocteau- axuda moito. Iso sen falarmos da música ou da fotografía. Así é que o resultado non soprende: interese máximo. Porén, nós preguntámonos se isto de ser xenial, como dicimos de Woody Allen, posúe carácter vitalicio, ou, se pola contra, coma no caso de Einstein, ten os seus picos de gloria creativa e xa está. Fin da historia.


Casos hai que amosan ese lento decaer dos devanditos xenios. García Márquez pode ser un exemplo. Dos gloriosos 'Cien años de soledad', 'Ojos de perro azul' ou 'La increíble y triste historia de la cándida Eréndida y de su abuela desalmada' a 'Memoria de mis putas tristes' hai un tramo ben longo, semellante ao camiño -ignoramos se con retorno- daquel 'fiera' que tanto nos fixo rir con filmes como 'El dormilón', 'Annie Hall', 'Todo lo que siempre quiso saber sobre el sexo pero nunca se atrevió a preguntar', 'Hannah y sus hermanas', 'Poderosa Afrodita', 'La maldición del escorpión jade' até chegar ao actual Woody que, fundamentalmente, se autoplaxia e cae no evidente, perde frescura. 'Vicky Cristina Barcelona' é unha boa proba disto. 'Midnight in Paris' déixase ver, mais non chega a altura do que foron os filmes anteriormente citados.


Cando volveremos ver entón un personaxe tan disparatado e divertido como aquel pardillo que entra no 'orgasmatrón' ou pasea galiñas do tamaño dun cabalo? Gustaríanos que nos ofrecese algo realmente desternillante. Menos pretencioso. Na liña de 'Que tal, Pussycat?' podería servir .

Te puede interesar