Opinión

Xornadas de cine galego

Alberto Gracia presentará en Bilbao Arte “O quinto evanxeo de Gaspar Hauser”, producida por Olivier Laxe -premio Fipresci en Cannes, no 2008, pola fita Todos vós sodes capitáns- e felipe Lage Coro. A película de Gracia, que xa pasou polo festival de Rotterdam, onde levou o Fipresci, pechará a primeira sesión de proxeccións do luns 9 de xuño, despois do pase de “Proxecto Nimbos”, unha proposta do blog Acto de Primavera. O martes será o turno de “Une histoire seule”, de Xurxo Chirro -tamén director de Vikingland-, e de “Arraianos”, de José Manuel Sande. A terceira xornada comezará co filme “Costa da morte”, do imparábel Lois Patiño, presentado polo crítico Martin Pawley, para continuar coa intervención de Carla Andrade -XV Premio Joven Artes Plásticas, entre tantos outros-, que dará conta dos seus novos proxectos e participará na mesa redonda arredor do momento, excelente ao meu ver, que atravesa o cine galego.

Estas xornadas, que terán lugar no País Vasco, en Bilbao Arte, corroboran, unha vez máis, o talento indiscutíbel destes cineastas, aos que habería que engadir outros nomes. Eloy Enciso, por exemplo, Alberte Pagán e Iván Castiñeiras. A cousa vén sendo así: temos unha xeración de creadores cunha ollada ben intelixente, entre os que merecen especial atención, María Ruído e Carla Andrade. Ambas as dúas fanse ben interesantes por motivos diferentes. María Ruído -autora de Rosebud 2, premio ao Mellor documental internacional no Festival de Cinema Independente de Nova Iorque, no 2009-, polo seu traballo ao respecto da identidade e mais da violencia, e Carla Andrade, polo xeito en que indaga ao redor de cuestións existenciais, que, con moito tino, rescata da anterioridade, para ofrecérnolas dende unha perspectiva actual, cunhas imaxes que engaiolan ao espectador/a.

Unha mágoa que este tipo de traballos non poida ser admirado por un público máis amplo. A verdade, é ben triste que nas salas de cinema -nas poucas que aínda quedan- só pasen películas comerciais. Disque son as máis demandadas. Disque... E non será que son as máis visíbeis, as únicas coa publicidade pertinente para suscitar interese? E non será que, no fondo, cando nos enchemos a boca falando da educación da xente nova, somos os/as primeiras que non respaldamos este tipo de propostas independentes? É tan doado deixarse levar, tan cómodo e práctico!

O cinema non é só un produto de masas. Tamén pode axudar a contemplar o que nos rodea dun xeito diferente e aumentar a percepción.

Te puede interesar