Opinión

cuba: suma y sigue

Coa solta de presos políticos por parte do réxime ditatorial dos Castro, Cuba pretende que a Unión Europea cambie a visión, e polo tanto a política, cara o anacrónico sistema que goberna a illa dende hai máis 50 anos. E este feito tráeme á memoria os meses que foron preludio da transición política que se viviu en España. Non sei se lembran o espírito do 28 de febreiro, animado por un tal Cantarero del Castillo. Si, aquel que fora ministro franquista e que pretendía que, dentro do chamado Movimiento Nacional, colleran todos as expresións políticas do Estado, para intentar adaptar a ditadura nacida dun golpe militar que trouxo unha guerra civil de triste recordo e revestila dun toque democrático.


Pois ben, cando pasou a un segundo plano Fidel, parecía que algo se ía mover na perla do Caribe. Pero o vello ditador, o vello comunista, reaparece coa mesma verba 'revolusionaria' para seguir falando dos inimigos, do imperialismo e da súa retórica trasnoitada. En fin que, como di o refrán, os vellos roqueiros nunca morren. E no caso de Fidel, ao estar preso do seu pasado, non pode cambiar. Vive atado a súa revolución e polo tanto a si mesmo. Un compañeiro dicíame: non lle pidas peras ao olmo, que endexamais as terás. E eu afirmo: non lle pidas democracia a Fidel Castro nin ao seu sistema, que nunca será posible.


A Igrexa cubana e Moratinos tratan de buscar un escenario para favorecer unha hipotética transición política en Cuba. Pero o problema é o atavismo dun réxime onde hai dúas clases de cidadáns. Na primeira están os membros do partido e os militares. Estes teñen, dentro da miseria que alí se vive, certas prebendas e eles son os que axudan a que o castrismo siga manténdose no poder. A segunda clase son os sofridores dun sistema que afoga as liberdades e impide o crecemento económico da illa.


A dialéctica baseada nos argumentos de que o inimigo externo nos ataca; ou aquela que di que fora está o mal, e que nós somos os bos, lémbranme as peroratas do Caudillo. 'Españoles: la conjunción judeo masónica de comunistas, socialistas es el principal enemigo de la patria...' Pois Fidel fala de maneira moi semellante, soamente que culpa da incapacidade do seu réxime ao bloqueo, e aos inimigos externos. E o seu irmán, administrador tutelado, nada cambiará na illa. Pois ámbolos dous son cautivos do seu pasado. Por iso o asunto da liberación dos presos soamente pretende un troco na imaxe externa para ir tirando. Polo tanto, toda a liberación de cidadáns presos por seren críticos co réxime ten como obxectivo dar o camelo. Ou sexa: Cuba suma e segue. E afirmo isto pois será moi complicado que os gobernantes do PC cubano teñan a suficiente capacidade de liberarse dos atavismos ideolóxicos. Atavismos que lles obrigan a chamar aos opositores ao sistema contrarrevolucionarios, disidentes ou inimigos da revolución, igual que facía o franquismo nos tempos da ditadura cos que non estaban a favor daquel réxime negador das liberdades.

Te puede interesar