Opinión

Dependencia, cambios de intencións

No ‘Discurso de aninovo’ do 1 de xaneiro do 1990, Václav Havel, protagonista da transición democrática en Checoslovaquia, abriu o discurso da seguinte maneira: ‘Queridos compatriotas, durante cuarenta años han estado escuchando por boca de mis antecesores siempre lo mismo..., lo que prospera nuestro país, los millones de toneladas de acero que hemos producido, lo felices que somos, las hermosas perspectivas que se abren ante nosotros. Supongo que no me han propuesto para este cargo para que yo también les mienta’. No discurso de investidura, o 14 de abril do 2009, Alberto Núñez Feijóo, ante os deputados que conforman o Parlamento de Galicia, ao describir o relatorio da situación na que se atopa hoxe Galicia, tomou prestada a frase de Havel: ‘Supoño que non me propuxeron para este cargo para que vos minta’.


E centrándose na Lei de Dependencia afirmou que o caso é particularmente serio, e non se pode mentir ao respecto. Todos entendemos no seu momento, proseguiu, que a Lei de Dependencia era un instrumento moi necesario e por iso suscitou gran consenso. A lei que abriu a esperanza de moitas persoas, entre elas máis de 90.000 galegos, acabou converténdose na lei da decepción. Hoxe hai miles de galegos con dereito recoñecido á prestación, pero non cobraron un só euro; son persoas dependentes, a maioría cunha dependencia severa, que tiñan moitas esperanzas, pero agora están frustrados, séntense decepcionados. Compre dar unha rápida resposta.


Días antes houbera crise do Goberno Zapatero, e este puxo ao fronte de Sanidade e Política Social a unha ministra, para darlle un pulo á Dependencia. A estas alturas, e despois de máis de dous anos en vigor da lei, compre que de verdade se aplique, e saibamos dunha vez onde está o parón. Semella que a Administración central ten o peto da financiación e partir de aí 17 maneiras de xestionar; aínda que tamén ou non chegan os cartos, ou se fixaron mal os criterios de reparto ou a ineficiencia da xestión campa polas comunidades. Só pasa ron tres días para que a ministra transmitira a idea de mellorar e acelerar o funcionamento da Lei de Dependencia. O que quere dicir que xa atisbou as ineficiencias sempre denunciadas.


Ao piar que faltaba para completar o desenrolo do estado do benestar, non se lle poden detraer recursos para a propaganda, publicidade e instrumentos vehiculares partidistas camuflados de orientadores. A totalidade do presuposto dispoñible ten que ir a parar aos dependentes. E a coordinación e cooperación entre administracións responsables dos dependentes ten que ser unha máxima. Recórdese que, en Galicia, Sanidade estaba cos socialistas e a Dependencia cos do Bloque, sen que polo medio aparecera nexo algún. Falta de liderazgo ata o de agora no ministerio, descoordinación entre autonomías e o ministerio, ausencia de coordinación e cooperación e ineficiencia do aproveitamento dos recursos polas comunidades autonómicas, e iniquidade do dereito de aplicación da lei, son evidencias que non se poden obviar nin ¡mentir!, á hora de poñer o reloxo en marcha para uns novos tempos.


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar