Opinión

A DESCENDENTE PIRÁMIDE AGRAVIADA

De maneira que, se non era suficiente que a Administración autonómica tivera que devolver case 2.600 millóns de euros, agora, se non querías unha cunca de caldo, dúas máis: a municipal e a provincial. Non chegaba só a Xunta, de vítima dos malos cálculos do Goberno central, senón que haberá que esperar consecuencias para concellos e deputacións; ser testigos de como estrullan os miolos para facer de tripas corazóns, vai ser un espectáculo maxistral de eficiencia económica. A devolución dos cartos gastados, froito dunha nefasta previsión, ao mesmo imprevisor ?Goberno central-, fai que a controversia estea montada. Aínda que sempre vamos estar diante de un dilema: ¿falta de previsión de quen otorgou, ou da imprudencia de quen gastou?.


Os concellos ocuparon, e ¡ocupan!, a centralidade na resolución dos problemas e na prestación de servizos aos veciños, administrados en xeral. Pero xamais ocuparon idéntica centralidade á hora da financiación. Esta é a súa grande sinatura pendente. Así o tinglado, financieiramente, aínda ten máis mérito a xestión que fan os concellos dos seus recursos. E en algunhas, ata en demasiadas ocasións, os concellos, no afán de cumprir máis alá das obrigas propias, métense en gastos que non son da súa competencia e responsabilidade. Por iso, cando vén entrar diñeiro fresco nas arcas municipais, o menos é pórse a reparar se gastalo ou non, se realmente lle corresponde ou vai ter que devolvelo en tempos non moi vindeiros. Polo que cabe preguntarse: ¿para cando un modelo de financiamento municipal claro, para as prestacións de servizos municipais que lle son propios?


Que, ao non saber claramente os concellos como se rexe a súa financiación, non resulta estraño o de 'pasou o que pasou': devolver ao Estado uns anticipos mal calculados, correspondentes ao 2008, cando son os concellos as administracións economicamente máis endebles. A alerta saltou, como que as cidades galegas deben devolver millóns e as deputacións máis do dobre. Cando as barbas do veciño vexas cortar pon as túas a remollar. Pero agora, ao contrario do que sucede coa Xunta, van aparecer en liza alcaldes e presidentes de deputacións de distinta cor política; veremos entón como se manifestan as reivindicacións de uns e outros. Polo pronto xa contemplei alcaldes socialistas pór o grito no ceo.


Existen cuestións que, independentemente do que goberne, son comúns a todos, en unha administración ou en outra. E cando uns e outros se atopan diante dun pago esixido por débeda non esperada, máis redución de ingresos ordinarios e procedentes do Estado, pero as responsabilidades son as mesmas ou máis, o explosivo cóctel económico que se aveciña vai pór en perigo a prestación de servizos ordinarios e básicos. E ninguén obvia que as empresas que traballan para os concellos, ao observar a escasísima marxe económica na que se desenvolven os gobernantes municipais, non acudirán a traballos para o concello; co cal todo irá a peor: 'Ley de Murphy' ao canto.


A solución da financiación non consiste en distanciarse do problema, e que as administracións infraestatales busquen a vida e resolvan como poidan. ¿Que os concellos non fagan máis obras?: sería o menos malo. ¿Deixen de lado a prestación de servizos?: entrariamos nun terreo escabroso; hoxe teñen máis servizos ineludibles, como os sociais. Hai moito que manter, gastos correntes, nóminas e agora devolucións... con menos ingresos. Non esperemos a oír -non o merecen os alcaldes-, que os políticos sen altura de miras sempre buscan un chivo expiatorio, en alusión os alcaldes por protestar diante da situación. ¡Non! Agora é cando non entendemos por que o Plan E non foi destinado a solventar a situación: pagar o que se debe. Moi certo que temos un Goberno en España que gasta o que non ten e non paga o que debe.

Te puede interesar