Opinión

Fazaña revolucionaria de Allariz

Parece como que os ‘excesos democráticos’ daqueles días permanecen nas conciencias dos seus instigadores, e hai que celebralos por todo o alto vinte anos despois. Recordar é ver volver. Por iso non se deben esquecer as fazañas revolucionarias; convén darlles publicidade, actualizalas e celebralas. ¿Unha fazaña sen historia?: non se entende. E pensando axiña no futuro. O futuro é un producto do pasado e do presente. Do pasado non podemos pasar. Os pobos que non recoñecen a súa historia non teñen presente e poñen en perigo o seu futuro. O recordo é o da ‘Rebelión de las Masas’: ‘Me importa mucho recordar que estamos sumergidos en el análisis de una situación -la del presente- sustancialmente equívoca... Y este equívoco no reside en nuestro juicio, sino en la realidad misma. No es que pueda parecernos por un lado bien, por otro mal, sino que en sí misma la situación presente es potencia bifronte de triunfo o de muerte’. A rebelión pode ser tránsito a unha nova e sen par organización, pero tamén pode ser unha catástrofe no destino humano.


Cando La Región, con foto de familia incluída, informa que saen a celebrar o cambio político municipal en Allariz, pregunto: ¿e que celebran?, se a auténtica conmemoración democrática sería no 1987 -ano das eleccións- e non dous anos máis tarde, hai agora vinte anos. Non coñezo ningún concello no que, en democracia, o acceso do alcalde á cadeira de mando se consiga sen: ganar as eleccións, pacto de goberno, moción de censura, moción de confianza..., pero si a través dunha revolta xustificada en que a elección, maioritariamente absoluta e democrática, do alcalde non se axustaba as expectativas do pobo.


Recoñécese que foron moitos os desgustos, fractura social e de convivencia, desconfianzas, enemistades entre familias. Qué revolución queda a marxe de tales e tantas indesexables dificultades. ¡Non falaríamos da esencia do cambio! Pero como non foi suficiente ou o tempo xa cicatrizou feridas, volvamos actualizar a fazaña revolucionaria. Toda revolución que se prece hai que conmemorala, que non decaia e, se andamos apurados, que non se espere ás vodas de prata. ¡Xa chegan vinte anos! A efemérides, polo que se desprende das celebracións, valen a pena. Nótase en falta nas fotos de familia ao bravo capitán, aquel redentor dos veciños que abandeirou o alzamento colectivo e violento contra a autoridade e orde público -¡sublevación das paixóns!-, condenado e inhabilitado por unha figura xurídica que lle chaman sedición. ¡Hai os excesos democráticos! ¿Por que no agosto de1989 había necesidade de celebrar un pleno extraordinario en Allariz por mor duns peixes mortos e non sei cantas máis falcatruadas en forma de alcaldadas..., e no Parlamento de Galicia no agosto do 2006, cando Galicia ardía polos catro costados, non era hábil para celebrar pleno? Estamos, ¿ou estabamos?, na dominación carismática de Weber, na que a crenza na lexitimidade do poder basease en que a persoa que o ostenta ten unhas calidades consideradas extraordinarias polo seus seguidores. A inquietude dos neo revolucionarios consiste en saber transmitir cómo se estructura o poder conseguido polo medio de excesos democráticos na vida pública nunha sociedade pluralista.


Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar