Opinión

UNHA FOLGA, ¿SEMPRE UNHA VICTORIA?

Hai uns días, camiñaba costa arriba pola rúa Juan XXIII cando me atopo con un líder sindicalista que vén baixando. Parámonos ámbolos dous na beirarrúa para saudarnos, ao tempo que preguntámonos como andan as cousas. Nestes casos acostúmase a dicir ben, xa que de saúde non hai queixa; ademais, os amigos ?como é o caso- se alegran. Este sindicalista non só o considero amigo, senón que teño motivos para catalogalo de integrador e capaz de alcanzar acordos partindo da discrepancia, ademais de preocupado defensor dos dereitos dos traballadores.


O caso é que a pequena conversa, sempre a pé da rúa, derivou na folga xeral de finais de mes. ¿Fálase que pode resultar un 'fiasco'...?, preguntei así, case que afirmando. Non, non, respondeume axiña; para a continuación espetar: 'Unha folga sempre é unha vitoria, Rosendo'. A verdade é que quedei, senón atónito, calado, mentres recapacitaba na resposta uns segundos. ¡Para chegar a unha conclusión! que, nestes momentos, aínda acepto como explicación: para os sindicalistas, unha folga xeral, habendo ou non motivos, sendo extemporánea ou non, independentemente dos traballadores en folga, resulta suficiente para darlle réplica ao Goberno diante da nefasta xestión da situación. Aínda que os sindicatos teñan que pagar a penitencia do compadreo de anos co Goberno, cando puideron reconducir a situación, non o fixeran, ata facela irreversible. Ao final se decantaron por un 'sálvese quen poida'. Hoxe, se cadra, o máis obxectivo sería facer unha manifestación contra o Goberno e outra contra os sindicatos diante da xestión da crise. ¡Pero sempre é unha vitoria, unha folga!, foi o que oín. Aínda que contra Aznar sucedera tras o anuncio dunha reforma laboral, e agora se fai a feitos consumados, cando a reforma está aprobada.


Cando os traballadores xa están, máis que sensibilizados, queimados, e os poucos que traballan non están para que lles rebaixen a por si xa esquilmada nómina, ¿vaise pór en un brete ao Goberno? A este tanto lle vai dar, xa que as decisións están tomadas. E de seguro que lle teme máis a unha advertencia de Bruselas que aos sindicatos convocando esta folga. Agora si: tamén poderase dicir que toda folga é un éxito cando o fracaso estrepitoso da situación económica e sociolaboral é de tal calibre que ver na rúa aos sindicatos, os traballadores exclamarán que 'ao menos hai quen mira por nós', a pesares que sexa tarde, a destempo e coa situación podre: xa se diminuíu o salario aos empregados públicos, se conxelaron pensións e aumentou o IVE...


A folga sempre é unha vitoria, aínda con lamentos de outro líder sindical polo medio, pois se 'el paro general es una gran putada' (Toxo), ata se desprende un si circunstancial. E se 'es el fracaso del diálogo social' (Méndez), se deduce o fin do talante, pero nada máis. Pero a folga xeral sempre é unha vitoria, aínda que estas vitorias non se celebraran ao seu tempo, e estivéramos orfos de vitorias de este caletre con gobernos autochamados ¡progresistas! A vitoria será máis vitoria, en calquera caso, se maioritariamente saen a rúa os agredidos e conseguen as súas demandas e dereitos; e, senón, tamén haberá vitoria. Non se contenta o quen non quere, e senón ao tempo.

Te puede interesar