Opinión

O informe do Valedor

Oído, e analizado, o informe do Valedor do Pobo de 2008, a verdade é que a súa opinión resulta unha mostra realista do sentir do máis común dos mortais. Coincide co manifestado polo cotián, por moitos, durante os últimos anos; aínda que un se sinte reconfortado cando os informes son coincidentes co que pensaba e viña manifestando. O debate da Comisión Parlamentaria centrouse nos dous temas que máis polémica viñan arrastrando: aplicación da Lei de Dependencia e a imposición do galego.


Certo, e entendible, que a Lei de Dependencia xerara expectativas sen límites. E, a maiores, ao haberse aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos, resultaba unha lei crible, ademais de necesaria. Unha lei froito do consenso non debera andar con improvisacións, nin con serias dificultades no contido dos recursos económicos para atender aos demandantes recoñecidos.


E se analizamos a valoración dos tres grupos políticos da Cámara galega, ata os tres teñen razóns, en parte, nas súas apreciacións subxectivas. Pero as teñen menos quenes tendo responsabilidades para aplicala andiveron a voltas con propagandas sen límites: que si Madrid non daba os cartos necesarios ou prometidos, e que mesmo non había problemas nin retrasos e que todo era manipulación da oposición. ‘Se hai once mil dependentes máis’ (Pedro Puy), é que alguén enganouse para ternos demostrado unha maior porcentaxe de cumprimento. Nos servizos de custe cero a demanda é infinita’ (Francisco Cerviño), é unha verdade obvia na que estamos insistindo dende hai tempo. Pero no caso dos dependentes hai polo medio unha valoración, que é previa ao recoñecemento e ao seu grado de dependencia segundo a Lei. E o de que ‘deberíamos ter en conta o noso punto de partida’ (Suárez Canal), nunca máis lonxe da realidade, xa que cando se lexisla para acadar un obxectivo é porque está demostrada a necesidade. Por todo o apuntado, está no certo o Valedor ao censurar improvisacións, algo moi dado a facerse por estes lares. Se a isto lle engadimos as expectativas creadas, a publicidade ofrecida e as necesidades actuais das familias, ¿quen, ante un dependente xa recoñecido e non atendido, non se sinte agraviado? En canto se o galego corre perigo, porque está perdendo falantes, queixa habitual dos nacionalistas, penso se terían que reflexionar sobre o tema. Nunca, como desde hai anos, se investiu e se lle deu e ofrece tantas oportunidades e publicidade ao galego. Ao mesmo tempo que se palpa a sensación, se non de impolo, si de metelo sen ambaxes. Se procurou en normativa e en libros, aínda que parece que non deu tempo, ou non hai interese por parte dos que teñen que aprendelo e falalo. Se o franquismo non acabou co galego -como dixo o Valedor-, ¿vaise acabar agora cando se pode escoller a opción de aprendelo e falalo sen custe? Se acaso habería que pararse a pensar se non se percibe a sensación de imposición, aínda que só sexan ganas desmesuradas de penetralo na cidadanía. Con todo, a quén pode molestar que se consulte aos pais sobre o idioma no que recibir os coñecementos? Cando ao idioma o converten en arma política de enfrontamento, e o que menos se intenta é que sexa instrumento de entendemento, ocorren determinadas cousas negativas... Cando se trata da razón non se debe intentar a autoridade.


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento autonómico

Te puede interesar