Opinión

O médico que non é enxeñeiro

Despois de pensalo só un pouquiño, veume a memoria o título, froito dunha experiencia televisiva nas vésperas das últimas eleccións autonómicas. A idea tíñaa desde hai semanas; a crenza, desde hai anos. Tamén nesta ocasión se deron as circunstancias para sacalas a luz. E o mesmo que dicir: as ideas téñense, nas crenzas estase. Que para entendernos chega con recordar que as mentiras e o engano víanse vir desde hai tempo, e só facía falla que aparecera o amortizado de turno, o chivo expiatorio. O tema ao que me refiro é manido, pero explotou nestes días: nada de AVE no 2012, nin no horizonte do 2012 e vaia saber vostede ata cando e como. Iso si, a xustificación, nesta ocasión é que nos merecemos, despois de soportar mentiras e mentiráns, un AVE de calidade. Suponse que o do 2012 non ía selo. É o menos que podemos aspirar.


Nun debate en Telemiño para as eleccións ao Parlamento de Galicia, senteime, ¡ou sentáronme!, a debater cas números dous das listas socialista e nacionalista. No ecuador do debate xurdiu a polémica sobre as infraestruturas e o AVE. Como o que subscribe, expuxera moi serias dúbidas sobre á data do 2012, saltou como un relampo a socialista, para adicarme unha lindeza: ‘¿Acaso é vostede enxeñeiro? Que eu saiba é médico, e os enxeñeiros din si ao 2012; debe facérselle caso aos técnicos, aos enxeñeiros’, viu a dicir a señora. De seguro que eses técnicos enxeñeiros lles contaxiaron aos socialistas optimismo sen límite, ou lles dixeron o que querían oír. Aínda que tiña razón... que non son enxeñeiro.


O caso é que agora, tras o cruce de acusacións entre socialistas nun sálvese quen poida -xa parecen o exército de Pancho Villa-, sobre quen mentiu sobre data e ¡calidade! do AVE, a pregunta non se fai esperar: ¿canto se rendabilizaron das mentiras do AVE, eleccións tras eleccións? O xuro da mentira só se poderá redimir no reino dos ceos, e a maioría deles son laicos ou agnósticos. Non lles queda máis remedio que dar explicacións e pedir perdóns na terra. ¡Nada diso!... ‘Hai un novo escena rio’, certifica o novo secretario xeral dos socialistas galegos ao señor Touriño que, sentíndose ofendido, enganado e vilipendiado, pide explicacións. ¡Pero xa non está na pomada!, e as mentiras de antes non contan para os novos tempos. A lección resulta erudita, aínda falando de política, xa que cando o abandeirado político se bate en retirada, con el vaise a mentira; e todo comeza unha vez máis. ¡Novo escenario!, amigo Pachi. E volta empezar.


As ideas téñense, nas crenzas estase, das mentiras vividas pasamos, e o futuro é unha incógnita. O médico, que non é enxeñeiro, non é quen de colaborar para despexar o futuro como a renda máis cuantiosa da imaxinación. Fagan como eu, e non lle boten demasiado cogombro ao gazpacho, que o futuro do tren de alta velocidade segue no horizonte de non sabemos cando. Menos mal que o futuro é un produto do pasado e do presente. ¡Creamos no presente! (*) Deputado do PPdeG no Parlamento autonómico

Te puede interesar