Opinión

A mellor TVE

Corría o ano 1980, os socialistas tiñan presa -deberían saber que a rapidez, que é unha virtude, enxendra un vicio, que é a presa, pero non fixeron caso- para alcanzar o poder. Alfonso Guerra honraba o apelido -guerreaba-, sen decatarse que as súas expresións transcenderían no tempo, para ser refén das afirmacións vertidas entón. Afirmaba o señor Guerra: ‘TVE es un medio de desinformación, una máquina donde meten españoles y sacan imbéciles; un pesebre de animalitos’. ¡Case nada! Pero non pensen vostedes que trinta anos despois non segue sendo certa, ¡en todo caso máis certo que nunca!, o expresado por don Alfonso.


Que a mellor TVE pública da que dispomos, a pesares do esforzo económico ao que nos obriga, despache como erro humano unha censura, e o día seguinte tome de chivo expiatorio a un xefe de sección, é a mellor maneira de insultarnos: somos imbéciles, tivemos unha recaída no tempo e non deixamos de ser un pesebre de animaliños. ¡Certamente don Alfonso! Como non son do Athletic nin do Barça, non prestei demasiada atención ao partido da final da Copa do Rei. Aínda que algo había barruntado pola tarde, nas hora previas, en canto a que se habería incidentes na escoita do himno e a presencia do Rei. Ou sexa, que algunha cousiña podería suceder, aínda que só fora para chamar a atención. Pero o dito, pasóuseme inadvertido á hora da verdade. O caso é que, xa rematado o partido e co resultado coñecido, recibín un SMS -dos moitos que pululan para chamar a atención de que se seguen os acontecementos- que puña textualmente: ‘Franco, un aprendiz al lado de TVE’. O que interpretei, de súpeto, foi que xa quixera o franquismo funcionar tan ben como TVE... ou algo parecido. En fin, non sabía de que ía o tema.


Ao día seguinte xa teño unha composición de todo: censura do himno e a súa posta en deferido -de maneira descafeinada- no descanso. E a partir de aí a xustificación do erro humano. Habería, alomenos, dous erros, afirmo eu: o da censura e a ausencia de son cando se deu en deferido; pero que o que se di de humanos ¡nada de nada! Cámbianse mentiras por erros, como se mesturan as churras coas merinas.


¿A que, pasados trinta anos, segue tendo toda a razón don Alfonso?: TVE é un medio de desinformación, e por enriba trátanos de dobre imbéciles. E non é a primeira vez que sucede o mesmo. Todo se xustifica en que é máis fácil soportar unha mala conciencia que unha mala reputación, como deixou sabido Nietzsche. Grahan Greene falaba do factor humano, pero que eu saiba non do erro humano. A turbia filosofía, da que se fai doutrina, é que se se oculta o problema, este non existe e todo vai ben. ¡Intentárono!

Deputado do PPdeG no Parlamento autonómico

Te puede interesar