Opinión

Plan de Emerxencia

O primeiro día da campaña electoral para as eleccións europeas, o diario La Región ofreceunos na páxina de portada unha boa nova que, para os tempos que corren, mereceu toda a miña atención: ‘Un plan de emergencia contra el paro dará trabajo en Ourense a cien empleados sin ingresos’. Os presentadores do loable acontecemento -alcalde e Tenencia- describen a continuación que o obxectivo que persegue o plan reflexa ser portador de ‘solucións concretas aos problemas que afectan ás familias da cidade’. Xa nas páxinas interiores, pódese confirmar que o período de traballo é de seis meses.


A sentencia senequista ensínanos que o mérito está en facer o que se debe e non o que se pode. ¿E por que apelo á sentencia clásica? Pois é que non entendo ben a definición do obxectivo, ou a semántica utilizada na súa descrición , xa que iso de ‘portador de solucións concretas...’, paréceme máis ben que se debería falar de solucións puntuais aos problemas, pois estamos referíndonos a períodos limitados do tempo dentro do contexto da vida laboral dunha persoa. Pero como os humanos somos máis razoadores que razoables, tampouco é cuestión de ser quisquillosos, aínda tratándose de ofrecer solucións concretas en medio ano, porque de seguro que os nosos dirixentes municipais saben certamente que os ourensáns fan de tripas corazón sen necesidade de traballar o ano enteiro.


Estamos de acordo que máis vale traballar un día que ningún, e mesmo estar ocupado seis meses que estar na casa víndoas vir E se ao dito lle engadimos que, hai poucos anos, cando se creaba emprego, máis xente que nunca traballando e o paro baixara a cifras xamais vistas, todo eran críticas sobre o emprego ‘basura’, emprego de non calidade, emprego precario. Sen embargo hoxe, os contratos de emprego de seis meses son plans que aportan solucións concretas. Non solucións puntuais. A non ser que en Ourense se lles esixa ás empresas privadas contratos estables, con revisións salariais segundo o IPC, etc., etc. e nas administracións públicas municipais non se de exemplo no que se predica.


Estamos de acordo que máis vale traballar un día que ningún, e mesmo estar ocupado seis meses que estar na casa víndoas vir. E que o traballo nos alexa de tres males: o fastío, o vicio e a carencia; pero se o traballo dun plan de emerxencia de seis meses é portador de solucións concretas que afectan as familias, non se esquezan que cando o discurso do poder é o do pragmatismo, a sociedade inevitablemente transfire a súa confianza ao que vai máis alá nas mentiras.


Ben polo esforzo do Concello, polos contratos de traballo dos que estamos a falar que non son ‘basura’ nin precarios, nin faltos de calidade, aínda que antes se tacharan ao revés. Pero paréceme que a realidade é outra, e iso de ir tirando con pan para hoxe, e mañá xa Deus dirá, é o mesmo que dicir que a realidade virtual é o gran trunfo de Satán. Señores: considero que o máis persoal é a simplificación do análise das oracións, pero a realidade son perspectivas múltiples.


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento autonómico Plan de emerxencia

Te puede interesar