Opinión

¡Preocupante!

Non é precisamente o mes vacacional por antonomasia o máis axeitado para augarlle as festas e o descanso a ninguén. Pero tamén é certo que a realidade, como a verdade, se corrompe coa mentira e o silencio. E, para verificalo, non existen datas mellores que outras. Chegou o momento de tomar previsións, xa que a moitos non lles gusta nada o que se coce. É... ¡preocupante! Dicir isto non é profundizar na crise de confianza, que xa nos inunda sen que faga falla nada máis. É, sinxelamente, facer un corolario da situación, co conseguinte diagnóstico, e que cada un tome as medidas que considere. Xornais económicos: ‘No que vai de ano España gastou o dobre do que ingresou. O déficit público duplicouse nun mes e, ademais, multiplicouse por nove con respecto ao rexistrado un ano antes. O desplome da recadación sobrepasa o 19%...’. Todo un panorama a compartir por todos antes ou despois, e do que ningún fillo de veciño vai salvarse na súa medida.


Sitúese, por un momento, na xestión da súa economía doméstica. ¿A que cravo se agarraría se, no seu fogar, no que vai de ano, vostede gastou o dobre dos ingresos? De seguro que polas noites non lle deixaría de roldar a cabeza; aínda que foran noites de verán e festa. ¿E que lle daría por pensar se, no último mes de xullo, ao botar as súas contas, o resultado que lle sae é que non só gastou máis que os ingresos, senón que o gastado duplicou o do mes de xuño e os ingresos foron os mesmos? De seguro que o primeiro que pensaría, incluso antes de deglutir un vaso de auga e tragar saliva, é que a súa familia camiña ao precipicio económico, ía a pique.


A un nivel máis amplo, no país chamado España, o que está ocorrendo é idéntico o exposto de exemplo. Por iso, me ten máis que moscado que hai unhas semanas, ao respecto da grande caixa económica do Estado español, xestionada -ou iso din- primeiro por Solbes e agora por unha ministra galega que tamén é vicepresidenta, dixeran: ‘Hacienda reconsiderará la financiación de la Ley de Dependencia. Armouse a de Deus e señor meu. Entón, un par de días despois, nos din que Hacienda rectifica y no congelará el gasto para la Ley de Dependencia’.


O río anda revolto, cruce de rumores contraditorios xa que o peto está tocando fondo, e o nerviosismo fai estragos. E cando se lle empeza a ver o cu ao peto hai -¡habería!- que absterse de botar man del, e renunciar as banalidades. Aos coidadores de dependentes, tal como ameazan, lles pode pasar como ao xastre do Campillo. Este traballaba de balde e ademais puña o fío; din que era un xastre ambulante que realizaba a súa tarefa nos cruces dos camiños, e facía a súa laboura olvidando os beneficios que lle poderían producir. Estamos como para non ‘telas todas con un’, e ter que actuar como o xastre. ¡Preocupante!

Te puede interesar