Opinión

Os cinco presidentes

Non tería porque parecer, en si mesma, unha foto inusual a publicada o 4 de agosto en La Región, na que aparecen xuntos o presidente da Xunta cos catro presidentes das deputacións galegas. A significación expresiva, da normalidade democrática esixible aos políticos que nos representan a nivel da Xunta e provincial, aínda que non acostumados, é unha bocanada política de aire fresco. Pero como durante catro anos houbo seca institucional entre Xunta e deputacións, a instantánea radiográfica faise máis que suxestiva por necesaria. Benvida esta normalidade para coordinarse, asentir e discrepar conxuntamente.


Ata onde se puido chegar na lexislatura bipartita foi a unha peregrinaxe dos presidentes das deputacións ao Parlamento de Galicia para render contas. Si, ir explicarlles a ‘súas señorías’ o contido dos presupostos dos entes provincias. Con esta finalidade como obxectivo xa poden supor que dous presidentes provinciais -o de Lugo e A Coruña- acudían sen rechiar ao que mandara o seu presidente da Xunta, e os outros dous -Ourense e Pontevedra- apelaban a autonomía que se lle supón as deputacións. ¿Normalidade institucional? Incrible que un goberno de progreso e progresista -así se autochamaba ó bipartito de Touriño- non tra tara cos seus homólogos provinciais as penurias económicas dos concellos, e mesmo se negara a recibir aos presidentes provinciais de Pontevedra e Ourense pola simple razón da cor política. Como acostumo a dicir, o discrepar é inevitable e enriquecedor, e a desconfianza entristece. Por iso, cando o actual presidente da Xunta chamou aos catro presidentes provinciais, dunha tacada, e xa ao comezo da lexislatura, a normalidade entre institucións está conformada; trátase de evitar receo ou desconfianza, de que o trato a uns vai ser mellor que para outros, pola simple razón ideolóxica partidista.


Unha vez comprobado que, para a Xunta de Núñez Feijóo, o obxectivo é o de ser conservador para os logros xa acadados, e pertinaz progresista para os que hai e quedan por lograr, véñense abaixo tamén esas teorías trasnoitadas e sen razón obxectiva, máis alá de teorías seudopolíticas interesadas, de que os que se din de esquerdas son de progreso e paladíns do diálogo sen fin, ademais de colaboradores cos máis débiles. ¡Nunca máis lonxe da realidade! A relación de multilateralidade entre o presidente da Xunta e os catro presidentes das deputacións, representa o mellor marco para que, sen desconfianzas e coas opinións conxuntas, se redefina e actualice a necesaria función dos entes provinciais ás necesidades vixentes. Hoxe, máis que nunca, cando os concellos se ven incapaces de facer fronte as nóminas dos funcionarios -aquí e noutras comunidades-, as deputacións fan máis falla que nunca. Asistencias técnicas e xurídicas, consorcios e colaboración nas emerxencias, etcétera, fan necesario protocolizar relacións por enriba da cor política.


A lealdade institucional só é posible con relacións conxuntas como a que mostra a foto dos cinco presidentes. E o de non recibir aos presidentes das deputacións porque non lle eran da súa corda, llo deixamos para os de antes, que así lles foi. ¿Cando se darán conta algúns políticos que non recibir e falar -como lles ocorreu a Baltar e Louzán- cun presidente, aínda que sexa dunha comunidade de veciños, non significa faltarlle a el, senón obviar aos que representa? (*) Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar