Opinión

Publicidade, ¡que pagamos!

Invade a intimidade da miña caixa de correos un díptico propagandístico publicitario do PSdeG-PSOE. ¿Convencerme? A primeira vista, a propaganda aparece coa cara... para dicirme que o Estado presuposta 254 millóns de euros para o AVE a Ourense, para que chegue no 2012. A continuación, máis abaixo e sobre un fondo negro cadavérico, ven a cruz... para demostrar que o PP quere recortar en 134 millóns o investimento do AVE a Ourense. ¿Serán inoportunos?, penso eu. E xa, nas caras interiores do díptico invasor, reprodúcese o que dicía o PP e o que di agora. Ou sexa, que cambiaron o conto. Despois expón o que fai o PSdeG-PSOE, que tendo a responsabilidade de facer algo, só anuncia futuribles. Nada se comenta do prometido e non feito. E para rematar, na contraportada aparecen as fotografías de dous políticos, pegados ombro con ombro e en plan divos, que, se se da o caso e a fortuna lles acompaña, terán a honra de marcarnos o porveñir. Por certo, nada se menciona do par de miles de millóns presupostados, e non executados, da pasada lexislatura. Perderon, de paso, a ocasión de informar.

Pero a casualidade quixo que o mesmo día que recollín o que considerei unha invasión publicista, leo na prensa que o vicepresidente Quintana rentabiliza en nome propio axudas de 200 euros para xubilados de modestas pensións, mediante 50 mil cartas pagadas con diñeiro público, de todos nós. Neste mesmo día, o diario La Región fainos saber que as regulacións de empleo en Ourense superan neste mes as de todo o 2007. E aínda máis: Vidriera do Atlántico reducirá o cadro de persoal ante a grave situación financieira. E se non chegaban as calamidades, tamén sae publicado que PSOE e BNG de Ourense admiten erros ao adxudicar os paneis... pola cara.

Con tal panorama, publicista invasor e auto publicidade a costa de todos, e aínda que o dito pola prensa non fora do gusto de cidadáns e gobernantes, aínda que por causas diferentes, a pericia para informarnos da realidade, coma o fixeron co AVE e os 200 euros, é unha oportunidade en si mesma para definirse como auténticos progresistas. Xa postos a gastar diñeiro público, sen o noso consentimento, o que se lle recoñece a un representante público é informar sobre a vida cotián, tan insoportable coma incomprensible. Non nos levarían a equívocos, nos sacarían de dúbidas, e o tempo poderíamos dicir que dispomos dun Goberno que tanto está para un roto coma para un descosido. Para informarnos das desgrazas e das alegrías. O grao de credibilidade dun goberno vese cando, ao longo do tempo, dispón de tacto e músculo para saber estar e acompañar os cidadáns, sobre todo nas adversidades. Nunha sociedade informada e madura en coñecementos na que son responsables os políticos e a política, xa ela mesma se decata do bo e ben que o fan os seus gobernantes, sen ter por que gastar a maiores en propaganda. Os tempos non están para iso.

É sabido que o carteiro, todos excelentes profesionais, chama ata dúas veces para deixarnos a correspondencia. Ábrese un tempo para saber se os novos repartidores de propaganda partidaria pola caixa de correos esmeraranse tanto; ao fin son producto da loita contra a crise. E coma é máis que sabido que son maioría os dependentes que están esperando o que por lei lles corresponde, Quintana non defraudará para explicarlles por carta a situación. Tamén será unha medida de loita contra a crise. ¿Ou nesto non?

Te puede interesar