Opinión

SOSTENIBILIDADE E COPAGO, ¿COMO ANDA O ASUNTO?

Nun artigo anterior sobre a sostenibilidade do sistema sanitario, facíame eco do motivo común de preocupación entre os responsables sanitarios das 17 CCAA, xa que manter hoxendía o sistema de saúde universal, público, gratuíto, está na primeira liña do debate político. Porque a crise resulta un criterio económico negativo, que vén a sumarse ao crecente gasto derivado do aumento da demanda asistencial, envellecemento poboacional, maior esperanza de vida, novas tecnoloxías, etc., así como o déficit económico crónico que arrastra o SNS (Sistema Nacional de Saúde).


Que, efectivamente, a ministra de Sanidade, en maio, lanzara un globo sonda de exploración sobre o copago, sen que o debate se tratara no consello interterritorial, enténdese como que hai que facer caso do dito: 'Cando as barbas do teu veciño vexas pelar, pon as túas a remollar'. Aínda que aquí, en Galicia, a Consellería de Sanidade anunciara que existe marxe ?se atendemos ás xestións eficientes en recursos humanos, farmacia, compras, gastos correntes) para manter o sistema tal e como está hoxe, e non recortar prestacións nin introducir copagos ¿Pero que din, e como están os responsables dos sistemas de saúde por aí adiante, CCAA e veciños europeos?


Corresponde, primeiro, actualizar actuacións ao respecto, xa que é importante recordar que desde o famoso 'Informe Abril', que plantexaba que os pensionistas con máis recursos pagaran parte das medicinas, empezouse a barruntar o copago; pero a min vénme a cabeza a pregunta: copago ¿para a sostenibilidade do sistema, ou un uso racional dos servizos e prestacións sanitarias? O secretario xeral de CiU (Durán i Lleida) considera que é momento de falar con serenidade do copago, entre outras cousas porque Europa podería acabar impoñendo a medida. Durante moito tempo vivimos como ricos, moito máis do que somos. Durán recorda que Felipe González xa plantexou no seu día unha proposta que, diante da presión sindical, deixouna do caixón.


O presidente Montilla é partidario de introducir elementos de racionalidade do gasto, antes que o copago, como o uso racional de medicamentos. A súa conselleira de Saúde, Marina Geli, defende a implantación de medidas de copago en función do nivel de renda, sen recortar carteira de servizos.


En Europa existen fórmulas distintas para o sostemento do sistema, xa que no fondo do que se trata é de axudar a financiar o sistema. Así, en Alemania, un bono de 10 euros/día en hospitalización, con un límite de 28 días ano, e o copago para medicamentos tamén aos pensionistas. Visitar ao pediatra non se cobra. En Francia está xeralizada a contratación privada dunha complementaria (seguro complementario), que pague medicinas ou gastos hospitalarios non cubertos pola seguridade social. En Suecia e Noruega cada paciente paga unhas 150 coronas (15 euros) por visita ao médico; para limitar os gastos dos pacientes e enfermos crónicos hai unha protección: unha vez superados os 85 euros de gasto, todas as visitas ao médico ou hospital son gratis. O Reino Unido é similar ao español, e en Irlanda a atención é gratuíta, pero ao especialista vale 15-20 euros.


O copago non é novidoso no sistema sanitario español; pero, ademais, cargado de iniquidade: pagan parte das medicinas os traballadores (aínda estando do paro e con cargas familiares), cando debería estar no mesmo nivel que os pensionistas á hora de non pagar nada. En calquera caso, un pacto de Estado pola sanidade, para seguir disfrutando dunha sanidade pública, universal, equitativa e de calidade, faise necesario.

Te puede interesar