Opinión

O último consello

Os últimos Consellos da Xunta, ao igual que os últimos Consejos de Ministros, non pasaron a historia. Soamente son recordados por ser puro trámite. O que se di despachar aqueles asuntos buro-administrativos que non admiten demora, para o normal discorrer da Administración. Pero nesta ocasión, o último Consello da Xunta, perdurará na historia polas decisións tomadas e as declaración vertidas. ¡Que verdade a do sabio! cando advertía que había que coidar os pensamentos, porque se volverían palabras. Non só non quedou títere con cabeza senón que, o denunciado durante catro anos pola oposición, foi referendado polo presidente despois de presidir o último Consello: ábrese expediente a un deputado do PP, acúsase a Magdalena Álvarez de gardar o AVE no caixón, admítese que o fin da autovía do Cantábrico en Galicia retrasarase un ano; tamén, e por primeira vez, Touriño -¿quen o diría?- fala que iso do AVE en Galicia xa depende... de se se cumpre a palabra. Un novo recurso ante o Tribunal Constitucional por invasión de competencias do Goberno do Estado. ¡A boas horas mangas verdes! E con todo este bagaxe fai balance o presidente: ‘Voume coa sensación do deber cumplido’. ¡Todo un récord! Se hai un límite ao partir do cal a tolerancia deixa de ser virtude, Touriño pasou o seu periplo presidencial por enriba de toda virtude, con defectos e no pecado político. Ata o final, foi quen de non ver a incompatibilidade. Estivo de tapadeira de Magdalena e do Goberno central, prometendo datas das infraestructuras de maneira partidista. De algo tiña que servir o último Consello, para saír da rutina, da mentira e pasar a historia. Non nos acordaremos que houbo un bipartito, pero si do último Consello. Ao estilo do que dicía aquel primeiro ministro francés: ‘Pasado o tempo ninguén se acordará de min, nin do meu goberno; pero todo o mundo seguirá falando de Flaubert’.


Se os últimos serán os primeiros, pero no reino dos ceos, o último Consello terreal do presidente será o primeiro en ser recordado entre os homes. Pero, ¡coidado!, que os conversos terán que pasar a cola. Aínda que moito temo que agora xa resulta tarde, para Touriño e para Galicia. ¿A quen pedirlle agora responsabilidades polo que soubemos a última hora? Non vai ser ao ex presidente. Está ben que, cando a situación é adversa e a esperanza pouca, as determinacións fortes sexan as máis seguras. Pero nin así.


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar