Opinión

Valentín Lamas Carvajal (1849-1906)

Chama a miña atención o titular de La Región do 19 de decembro: “Reivindican unha homenaxe para Lamas Carvajal en 2024”. E abunda a información, no senso de que personalidades da cultura lembran ao escritor ourensán que promoveu O Tío Marcos d’a Portela. Para min resulta ser un home non só de extraordinaria valía, senón tamén cunha grande capacidade de superación diante das adversidades na súa vida. Foi orfo de pai con dous anos, cando súa nai tiña dezasete; e quedou cego con vinte e poucos anos, o que non lle permitiu rematar a carreira de Medicina. A figura literaria e xornalística de Valentín Lamas Carvajal é coincidente ca afirmación de Monxardín: “É curioso que teña en Ourense unha rúa e unha estatua, pero non hai ningún outro proxecto ao seu nome”. Cando, entre outros traballos, “O Catecismo do labrego” contribuíu decisivamente ao espallamento dunha sensibilidade ante o problema agrario. Unha estrela do Rexurdimento, auténtica figura do Rexurdimento en Ourense.

Lamas Carvajal naceu en Ourense, igual que a súa muller Rosina e os fillos. E aquí traballou dirixindo xornais e escribiu a maioría da súa obra, participando en sociedades como o Liceo e o Círculo de Obreiros Católicos. Home querido e recoñecido en Ourense, moi homenaxeado, evolucionou dende o republicanismo na súa etapa compostelá ata a colaboración cos conservadores ourensáns. Botou man da poesía como recurso para denunciar a explotación inmisericorde dos labregos, porque eran apáticos, mansos, individualistas. En 1870 trasladouse a Santiago de Compostela para estudar Medicina, que non puido rematar por mor dunha patoloxía ocular, que en pouco tempo deixouno cego. Esta etapa universitaria foi decisiva na súa obra e na visión de Galicia. Xa no 1874, de volta a Ourense, casa ca antiga compañeira de estudos, Amalia Rosina. Aínda a cegueira, tivo unha grande actividade literaria e periodística, fundou periódicos, como El Heraldo Gallego, sendo considerado como un autor moi prolífico.

Estamos dacordo en que institucións e forzas vivas teñen e temos pendente facer un recoñecemento da figura ourensán, pé do Rexurdimento galego, que parece que pouco a pouco está sendo esquecido ou relegado ao esquecemento. Nos primeiros anos 80, a literatura galega que se ensinaba nos institutos de Galicia, ao falar do Rexurdimento, dedicaba una páxina completa a Rosalía de Castro, outra a Lamas Carvajal, a terceira a Curros Enríquez e dúas liñas a Eduardo Pondal como autor do himno galego. Nos primeiros anos 2000, Eduardo Pondal pasou a ocupar una folla completa e Lamas viuse reducido a media. Na actualidade, os libros de texto falan da súa actividade periodística e nomean que foi autor do primeiro periódico en galego, O Tío Marcos d´a Portela, e que escribiu “O Catecismo do labrego”, “best seller” da literatura galega do seu tempo, e “Espiñas, follas e froles”. Con esas liñas despáchano.

A súa tataraneta, Ana Malingre, pensa que tal vez dous motivos levaron a esta situación. Un deles pode ser o de que a súa familia non se encamiñou a constiuír unha Fundación para perpetuar a súa memoria, cando si o fixeron as de outros literatos galegos; e o outro, porque defende un galeguismo con certo aire conservador ou relixioso, cando na actualidade parece que o galeguismo está máis asociado a ideas de esquerdas. Sexa como fora, Lamas Carvajal, considerado o principal cronista da política galega da Restauración e o periodista galego que realiza a obra máis influínte do último cuarto de século XIX en Galicia, non pode quedar no esquecemento. 

Te puede interesar