Opinión

Visións diferentes, tempos distintos

O domingo 28 de xuño celebráronse dous actos, que eu catalogaría de auténtico fervor galeguista. En ámbolos dous, Galicia representaba a única razón e o verdadeiro sentido das celebracións. Pero as visións ideolóxicas de país, que mostraron os dous políticos galegos que deben transmitir o galeguismo integrador e non excluinte, con vocación de maioría, foron diametralmente opostas. Un ex, o señor Beiras, auto abandeirado do nacionalismo daqueles tempos, que non contento co que representou e non foi capaz, ademais de obviado polos seus, dedícase as opinións mesiánicas, catastrofistas, retro nacionalistas, que raian o insulto indisimulado e provocador. ¿Botarate resentido?. Contrastou co do presidente da Xunta, que inmerso nun discurso integrador e conciliador, reivindicou o galeguismo cordial, aberto e plural, sen exclusións. Cando Beiras, na casa museo Otero Pedrayo, alerta -como se dunha epidemia se tratarada proliferación de ananos que soben ao poder, está dando razóns a crenza ancestral da discordancia entre a Galicia dos cidadáns e os galegos do poder. Non deixando explicado o ben que se quixera se se trata dos que alcanzaron tal poder hai dous meses, ou os de catro anos atrás; porque, postos a pensar, foron estes os que deixaron na orfandade de responsabilidades ao señor Beiras, baixo gracia dun merecido descanso físico e mental. Nin sequera lle aplicaron o indulto de quen, presentándose a oportunidade excepcional de tocar poder, prescindiron del. ¿Quizais por non ser anano? O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, na entrega das medallas Castelao, sen estridencias, nin faltando ao respecto a ninguén, nin aos que aínda sendo galegos se sintan a metade de camiño entre galeguistas ou españolistas, avogou pola capacidade do galego de converterse no patrimonio de todos, aberto sempre á pluralidade social e sen un único baremo para ser galeguista. De seguro por sabedor de que o insulto é razón para quen non ten razón.


Crer nestes tempos que só se pode ser galego baixo determinados criterios e postulados galego nacionalistas representa a maneira máis miope de pretender unha Galicia aberta e plural. Alertar das proliferacións dos ananos no poder, non só é insultar aos políticos, aos que os galegos de maneira maioritaria lle deron a responsabilidade, senón que ponse a proba a tolerancia que deben ostentar; pero non se debe esquecer que se son ananos os do poder, baixo tal pensamento non quedan ben parados os que os elixiron: ¿pode ser o pobo soberano tan inútil? Os galegos sempre disporán dun discurso que, partindo da conciencia galeguista, una aos que estando convencidos de que o galeguismo é a alma ideolóxica do país (Núñez Feijóo), propicie aqueles outros que sendo reaccionarios as posicións galego nacionalistas, albiscan en el unha oportunidade integradora. Xamais un reducto selectivo.


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento autonómico

Te puede interesar