Opinión

Xuíces de paz nos bipartitos

Se lles conto, ao máis puro enxebre galego que, polo país adiante, sexan nas cidades, vilas, ou concellos pequenos, pululan gobernos bipartitos froito de coalicións máis interesadas en aniquilar a lista máis votada que auspiciando alternativas reais de goberno, xa sei que van pensar que o conto non é novo. Agora, se trata de acordos chamados de goberno, para nada kafkianos ¡ata aí poderiamos chegar, -razoan os autores!-, pero de claro oportunismo cortoplacista para sacar rápida tallada ao calor do poder, aínda que soamente sexa para reafirmar que o cambio é chegado. ¿Novidade progresista?: meten aos xuíces de paz de moedas de cambio nos seus acordos. Os xuíces de paz buscan que os conflictos sometidos a súa xurisdicción sexan solucionados mediante conciliación entre as partes, moitas veces conforme as costumes particulares da comunidade. Agora teñen que observar de ríollo, precisamente, aos gobernos municipais autodenominados de progreso e os acordos ¿programáticos? aos que chegan. Semella que os bipartitos de ¡progreso! comezan a acordarse deles, a telos de sustancia política de cambio. Non é suficiente que o xuíz resida na poboación onde presta o servizo -nalgúns casos tamén teñen que falar o dialecto ou o idioma da comunidade-, senón que nas decisións xudiciais sexa afín.


É o caso do goberno ¡progresista! de Muxía, que desconfiando da ¡equidade! política-xurídica do xuíz, acorda gobernar a lexislatura con dous xuíces, a razón de xuíz por cada dous anos. ¡Ahhh...!, que os acordos non sempre se cumpren. Nin sequera cando se poñen polo medio aos xuíces ou a súa maneira de ditar xustiza e sentencias, aínda sobre problemas menores. O alcalde de Muxía rompe o pacto de goberno bipartito co BNG ao destituír a concelleira nacionalista, por negarse a cambiar o xuíz (o seu xuíz) ao cumprirse os primeiros dous anos de goberno. O goberno de ¡progreso! non se establecera apelando ao progreso dos muxíanos, nin a un presunto benestar sen límites da comunidade, que a xustiza fora aplicada con criterios independentes a cor política, ou mesmo tratándose de Muxía para chegar a acordos para que os emigrantes no exterior puideran votar en urna canto antes. Nada diso. O acordo de goberno estableceuse xudicialmente, partindo a lexislatura a metade.


Terán que bipartirse tamén os xuíces. É o que se entende adaptarse aos novos tempos políticos. A unha nova forma de facer política. ¿Ou é que presupoñen os ¡progresistas! que os xuíces, aínda que sexa para tramitar, celebrar e ditar sentencias en xuízos de faltas por feitos de pequena gravidade, o fan baixo criterios políticos? Agora si que parece que xa empeza a resultar certa aquela sentencia pola que o matrimonio entre xustiza e a súa administración está rota, atribuída ao efecto pernicioso que sobre o primeiro causan os persoeiros das novas políticas. ¿Trátase de xudicializar a política ou politizar a xustiza?(*) Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar