Opinión

“Almas en pena de Inisherin”, un conto irlandés

Almas en pena.
photo_camera Almas en pena.

Cinco anos despois do gran éxito de “Tres anuncios en las afueras” o director de angloirlandés Martin McDonagh volve cunha nova longametraxe ambientada na illa ficticia de Inisherin fronte á costa oeste de Irlanda. “Almas en pena de Inisherin” conta a historia de dous amigos da alma, Pádraic (Colin Farrell) e Colm (Brendan Gleeson). Este último, un día decide, tomando como escusa o aburrimento, retirarlle a palabra ao seu compañeiro. Pádraic, atónito, négase de forma categórica en aceptar a negativa do seu amigo e esfórzase por recuperar a relación. Pero Colm insiste en non dar máis explicacións e promete cortarse un dedo cada vez que Pádraic intente falarlle.

Martin McDonagh volve a traballar coa parella de actores Colin Farrell e Brendan Gleeson que foron protagonistas de “Escondidos en Brujas” (2008), e os dous representan dúas formas diferentes de estar no mundo. Pádraic é o campesiño simplón e aburrido que só quere unha vida agradable e feliz. Ao contrario, Colm ten algún ano mais e é un artista atormentado, que quere compoñer unha música que perdure no tempo e por iso non pode perder mais o seu tempo en actividades insignificantes. Ambos teñen en común a teimosía. Esa actitude acabará arrasando con todo e con todos os o que se atopen aos seus arredores.

“Almas en pena de Inishrein” parte dun relato sobre a incomunicación e toca distintos temas pero sen converterse na perfecta metáfora de ningún en concreto. O filme podería falar da guerra civil irlandesa. Está ambientada no 1922, ano que coincide co inicio do conflito. Ao proclamar a independencia da illa, empezou unha guerra entre os moderados, que defendían o acordo con Londres e os militantes do IRA. Realmente en “Almas en pena de Inishrein” a guerra está de fondo, escoitamos ecos e vemos algún destello dela, pero noutra Illa afastada.

Tamén o filme fala da desesperación, da depresión. Nalgunha frase en concreto xorde esa problemática máis aló da melancolía que impregna a película e que é bastante desoladora. Pero ese tema non se chega a pescudar en profundidade.

Incluso a película xoga cos mitos de Irlanda. O título orixinal da película “The Banshees of Inishrein” refírese á figura fantasmal da ‘Banshee’. Nas lendas da tradición irlandesa era un ser capaz de presaxiar que ía producirse unha morte nun lugar en concreto. Aínda que a lenda non está explicada de forma explícita no filme, a Sra. McCormick (Sheila Flitton) é a súa encarnación física. Ela é a anciá que profetiza dúas mortes en Inishrein.

A Irlanda de McDonagh é moi diferente con respecto a idílica de “Un hombre tranquilo” de John Ford, pero ao igual non lle faltan tópicos como o clásico pub con músicos folk como parte do decorado. E non faltan as escenas violentas. Pero McDonagh era un autor que xa cando obtivo un Oscar coa súa primeira curtametraxe titulada “Six Shooter” (2004) gañarase a fama de ser un director fascinado pola brutalidade.

O humor tampouco está ausente, sobre todo nos diálogos, e polo xeral ten un ton agridoce. Finalmente, quizais a definición máis acertada para retratar este filme sería o de ser unha insólita traxicomedia con acento irlandés.

Te puede interesar