Opinión

Baloncesto e anime

O drama deportivo é un subxénero que segue regalándonos auténticas xoias cinematográficas. Especialmente o baloncesto que, xunto co boxeo ou as artes marciais, está na cima dos deportes máis retratados polo cine. Á recente gran miniserie de ficción Tempo de victoria, dispoñible en HBO Max, á serie documental El último baile, estreada en Netflix, e ao filme Air de Ben Affleck, agora engádese o anime The First Slam Dunk.

A longametraxe, producida por Toei Animation e Dandelion Studio, estreouse a semana pasada en cines. Está baseada na serie de manga Slam Dunk e dirixida polo mesmo creador Takehiko Inou. Pertence ao xénero chamado Spokon, ou sexa unha categoría do manga e do anime xaponés onde o deporte ten protagonismo. A historia vira arredor de Ryota Miyagi, o base do equipo do Shohoku. Nado en Okinawa, Ryota tiña un irmán tres anos maior, tamén xogador de baloncesto, que faleceu nun accidente. O rapaz intenta seguir os seus pasos e, xunto cos seus compañeiros de equipo, procurará cumprir un dos soños del: gañar contra os campións reinantes, o equipo do Sannoh. Se o filme céntrase sobre a vida de baloncesto e familiar de Ryota, non podemos obviar a coralidade do relato. De feito os outros compañeiros do equipo tamén teñen un papel importante neste anime. The First Slam Dunk desenvólvese ao longo do partido de baloncesto entre o equipo e os campións da categoría. Durante o enfrontamento insérense varios flashbacks que iluminan sobre as vivencias persoais de cada xogador. Cada historia vital acaba sendo crucial para entender o papel diferente de cada un deles dentro do equipo.

The First Slam Dunk é un filme sobre a aceptación dun mesmo e dos demais. É un filme que pon en valor o deporte como instrumento de aprendizaxe. Incluso, como demostra no final un dos xogadores do equipo vencido, é un filme que educa no valor da derrota, algo que non se ve a miúdo nas pantallas onde, ao contrario, enxálzanse principalmente o éxito.

Formalmente, The First Slam Dunk mistura o 2D e CGI, e transmite unha intensa sensación de realidade. Ademais reproduce formatos cinematográficos diferentes, enriquecendo a súa refinada e plástica proposta visual.

Non é necesario ser aficionado do baloncesto ou da cultura xaponesa para gozar deste filme. Os valores que transmite son universais. Ademais é unha película cun ritmo intenso, cunha proposta formal que coida cada detalle, unha banda sonora explosiva e cunhas historias cautivadoras. Definitivamente, The First Slam Dunk é un excelente anime, moi ameno e recomendable para todas as idades.

Te puede interesar