Opinión

Calladita

A regulación da lexislación das empregadas do fogar e das traballadoras que se dedican ao coidado, volve de actualidade. No pasado próximo, houbo xa varias miradas, sobre todo iberoamericanas, sobre esta realidade laboral, intentando dignificar unha profesión moi presente na nosa sociedade pero, na maioría dos casos, moi pouco dignificada. En España, documentais como En otra casa (2015) ou Cuidar entre tierras (2020) abriron unha brecha falando sobre todo do movemento migratorio relacionado con estas mulleres, pero o director Miguel Faus é o primeiro español en crear unha ficción sólida arredor destes temas. 

O cineasta catalán converte en longametraxe a súa anterior e xeitosa curtametraxe, Calladita, mantendo o mesmo título e a súa protagonista, a talentosa Paula Grimaldo. Esta última interpreta a Ana, unha moza recentemente chegada a España de Colombia, que empeza a traballar nunha luxosa mansión da Costa Brava onde veranea unha adiñeirada familia de marchantes de arte. Ana traballa sen contrato, baixo a promesa de conseguir unhas condicións contractuais dignas e os permisos de residencia ao final do verán. A través dunha empregada do fogar, Gisela, a moza descubrirá pronto que as cousas non funcionan exactamente como lle contaron… 

Calladita é unha obra que, a través do personaxe de Ana, dá voz a todas as traballadoras domésticas, a maioría inmigrantes,  que dedican o seu día a día – e as veces as noites tamén -  ao coidado dunha casa ou dunha familia allea, lonxe do seu país e da súa propia familia. Mulleres obrigadas a ser ‘discretas e calladitas’ baixo a promesa de conseguir condicións dignas de traballo que nunca chegan a concretarse. 

Miguel Faus, sen chegar a crear unha obra ao estilo de Parasitos como se evidenciou xa nalgunha critica, sérvese dun orixinal ton satírico para describirnos o matrimonio catalán, e sobre todo os seus fillos, viciosos e preguiceiros. En describirnos as diferencias de clase, Calladita non chega a ser unha película demoledora ou terriblemente cínica, como o filme de Bong Joon-ho ou, por exemplo, El triángulo de la tristeza de Ruben Östlund. O filme de Miguel Faus, a pesar da crítica social evidente, é máis ben unha película construída para xerar indignación e a vez intentar lanzar unha mensaxe optimista. 

Non estamos diante dunha obra perfecta. Calladita ten un ritmo algo irregular, pero non deixa de ser unha boa ópera prima. Sólida, polo que se refire as interpretacións, a fotografía luminosa de Antonio Galisteo, unha coidada dirección de arte de Lucasta Emley. Ademais unha variada banda sonora marca os sucesos con calculado acerto. 

Como curiosidade hai que engadir que Calladita foi un proxecto español pioneiro non só polos temas tratados. Foi o primeiro filme europeo financiado con NFT, recadando 700.000 euros a través da venta de activos dixitais. Ademais está apadriñado polo cineasta Steven Soderbergh, que decidiu apostar polo proxecto no Sundance Film Festival do ano pasado. O filme estreouse a semana pasada e segue programado na carteleira do cinema comercial. 

Te puede interesar