Opinión

Cando a apocalipse chama á porta

M. Night Shyamalan, por moitos –incluso para min-, foi o director de El sexto sentido, Señales ou El bosque, filmes estreados na primeira década do novo século. O cineasta foi capaz de reverdecer o instrumento narrativo da volta de tuerca, que se fixo famoso no cine por El gabinete del doctor Caligari (1920) de Robert Wiene. Shyamalan creou mundos alternativos dentro doutros verosímiles, facéndonos dubidar sobre a nosa mesma mirada. Aínda que algúns dos seus filmes desa época, como a atrevida La joven del agua (2006) non puxeron de acordo a todo o mundo, o cineasta seguía cuestionando os límites do guión tradicional e o noso papel como espectadores pasivos. Logo, si, del viñeron películas que non deixaron demasiado rastro. O director decidiu apostar por un cine de baixo orzamento autoproducido e manter un maior control sobre as súas obras con resultados dispares.

Este ano, Shyamalan regresa con Llaman a la puerta, unha película que, sobre o papel, podería devolver o director aos fastos de hai vinte anos. O argumento é outra historia de iniciación, outro intento mais do cineasta de pescudar o misterio. O argumento desenvólvense nunha cabana nun bosque, durante unhas vacacións, onde unha nena e os seus pais reciben a visita de catro descoñecidos armados: a parella terá que tomar unha decisión imposible para evitar a fin do mundo.

“Apocalipse” é un termo que chega do grego ‘Apocçalupsis’, que significa ‘revelación’, ‘quitar o velo’. Tamén Apocalipse é o título do último libro da biblia cristiá, coñecido como Revelación. É o texto mais críptico e hai varias teorías sobre a súa xénese, incluso que foi escrito e retocado por distintas mans en épocas diferentes, non só por San Xoan de Patmos. A pregunta que move Shyamalan con respecto a este material críptico-sagrado-explosivo é: que pasaría se un día, sen previo aviso, a ‘revelación’ chegara á ti? Estarías disposto a saír da túa zona de confort e facer o que che pide?

Esta é a premisa de Llaman a la puerta. Para evitar que os catro xinetes da Apocalipse desaten as pragas que acabarán coa humanidade, a familia terá que ser capaz de romper o velo das aparencias e acoller á revelación.

Aceptar o descoñecido, o misterio, algo que nin sequera se estaba a buscar é un concepto clave nos filmes de Shyamalan. O director formouse nunha cultura occidental pero mantén un diálogo constante coas súas orixes indias e a cultura oriental está mais aberta a reflexionar sobre ese tipo de experiencia. El bosque (2004), por exemplo, é un espléndido relato sobre a manipulación. Pero o que Shyamalan pide nesta última película é abandonar completamente a racionalidade para crer incondicionalmente nun ser superior e na súa revelación. Así que Llaman a la puerta é un filme cunha premisa filosófica importante que acaba converténdose nun panfleto integralista, a través dun sacrificio de Isaac innecesario e unha moral discutible. E se imos mais aló das cuestións filosóficas, poderíamos definir Llaman a la puerta un thriller de primeiros planos que, como película de xénero, funciona ben sobre todo na primeira media hora. É atrapante ata que nos desvela que, en realidade, xa estaba todo na mesa desde o principio e non había nada oculto que revelar. No momento exacto no que o misterio se converte no Misterio xa non hai volta de tuerca e acaba toda a gracia do filme.

A única, verdadeira e aterradora revelación é que desde El sexto sentido ou El bosque xa pasaron 20 anos. Aínda que os camiños do Señor son inescrutables, Llaman a la puerta indica que o director está cada filme mais afastado da súa época dourada.

Te puede interesar