Opinión

Leslie

Hai un ano estabamos a vivir unha das maiores secas que se recordan na historia de Galicia e o furacán Ophelia estaba moi preto das nosas costas. Tiñamos seca e vento, dous compoñentes que foron determinantes na vaga de incendios en Galicia que persiste na nosa memoria.

Ophelia foi un fenómeno sen precedentes. Era a primeira vez, dende o inicio das observacións meteorolóxicas, que un furacán de categoría 3 percorrera o Atlántico nas nosas latitudes deixando perplexos ata aos máis expertos na materia. Seguiu o seu rumbo cara o norte debilitándose a medida que entraba en augas máis frías impactando en Gran Bretaña e Irlanda como ciclón extratropical.

Xusto un ano despois, vimos como Leslie, furacán de categoría 1, foi un fenómeno único. Non existen observacións meteorolóxicas de un furacán que con estas características se aproximara tanto ao continente europeo. O aumento da temperatura media do planeta (aproximadamente 1 grado centígrado) provoca un aumento da temperatura dos océanos ocasionando a súa vez, entre outros fenómenos, o aumento e severidade dos fenómenos climáticos extremos como o que vimos moi de cerca estes días. Os ventos de Leslie, a pesares da súa elevada intensidade, con refachos de ata 176 kilómetros/hora, produciron danos en infraestruturas e 27 feridos leves. Existen estudos científicos que demostran que fenómenos deste tipo nas nosas latitudes serán máis probables a medida que aumente a temperatura media.

A semana pasada vía a luz o último informe do IPCC (Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático da ONU) que indica que a diferenza de só medio grao de temperatura tería consecuencias devastadoras para noso planeta, polo que cada vez é máis urxente limitar o aumento da temperatura global a un máximo de 1,5 graos centígrados. Temos tempo para actuar e debemos facelo de modo inmediato.

Somos coñecedores, sabemos que debemos cambiar pero cústanos establecer esa acción-reacción. Cústanos entender que as secas, as precipitacións intensas e os furacáns bordeando as nosas costas serán algo cotiá. Cústanos entender que a causa disto é o noso xeito de vida e que precisamos un cambio profundo e cústanos porque de momento non percibimos a ameaza deste tipo de fenómenos.

Te puede interesar