Opinión

VIDA PARA O RURAL

Onte a praza do Obradoiro recibiu uns peregrinos que non van mellorar das pésimas cifras do turismo neste verán. Son peregrinos chegados do interior de Galiza, fundamentalmente de aldeas e vilas de Ourense e de Lugo. Moitas desas persoas que onte estiveron en Santiago son a diario testemuña do paso desoutros peregrinos que logo de lograr a súa 'compostela' volven á súa casa marabillados non da beleza, mais sobre todo da riqueza que atesouran as nosas aldeas, montes e pasteiros.


Estiveron onte nas rúas para reclamar vida para o rural. Vida para un rural que está asistindo atónito ás continuas decisións políticas que deterioran as súa situación económica e as súas condicións de vida. Vida para un territorio que ve como a fenda coa franxa atlántica se agranda día a día en todos os indicadores. Vida para explotacións lácteas e de produción de carne que ven como todo sobe día a día agás os prezos que lles pagan as grandes multinacionais polo seu produto. Vida para milleiros de galegos e galegas, por desgraza cada vez menos, que queren vivir e traballar no rural galego.


Onte a razón que os impulsou a esta peregrinación é a decisión do Goberno do Sr. Núñez Feijóo de pechar ducias de aulas e escolas no medio rural, de reducir o persoal docente deixando o sistema educativo nas aldeas en situación similares ás dos anos setenta onde nunha mesma aula se teñen que formar nenas e nenos desde os tres até os doce anos, e sen contar con docentes especialistas. Xa ninguén cre ao Sr. Núñez Feijóo cando escuda a súa decisión na austeridade e na falta de recursos, 'non podemos gastar máis do que temos' adoita sentenciar. Ninguén o cre porque ao tempo que se recorta no ensino público no rural non ten ningún rubor en aumentalos en concertos con colexios privados nas grandes cidades mesmo subvencionando proxectos educativos discriminatorios e que seleccionan ao seu alumnado mesmo en función do xénero.


Esta doutrina ultra do Sr. Feijóo e PP considera que subvencionar con cartos públicos o ensino privado e confesional favorece a liberdade de escolla do tipo de educación que as familias queren para os seus fillos e fillas. Con esta política as familias do rural que queren para os seus nenos e nenas un ensino de calidade, en igualdade de condicións e que garanta a igualdade de oportunidades só lles queda unha escolla: marchar do rural. Eis a liberdade que lles deixa este goberno, resignarse e marchar.


Por fortuna hai galegos e galegas que non se resignan porque acreditan na potencialidade do noso rural. O rural ten futuro; só precisa dun goberno disposto a facerlle fronte ás restricións produtivas que nos impón esa Unión Europea ao servizo dos mercados. Un goberno que teña o valor de regular as relacións entre produtores e industrias do sector agrogandeiro para que os prezos que perciben cubran os gastos de produción e garantan unha remuneración digna polo seu traballo.Un goberno que o acceso a servizos públicos de calidade é un dereito e non un luxo que non nos podemos permitir.

Te puede interesar