Opinión

Colectivas de Nadal

Pintores e mais escultores baixo o concepto-número de ‘vinte’ preséntanse na aula de cultura do Liceo durante o tempo de Nadal. Chegan da man de Mila Castro, coordinadora de arte, e da produtora Claqueta Coqueta do actor Rubén Rodríguez (‘Riós’). Dende eles nacen os ‘Vinte nas Burgas’, que no verán foron os ‘Vinte na Quintana’, en Santiago, a súa posta de largo. Pintores e mais escultores, principalmente, e gravadores, coñecidos e de longa traxectoria, comparten sala con outros de máis recente camiñar no mundo expositivo. E con eles os de traxectorias asimétricas, ou simplemente de voo máis curto. Lamazares e Romero Masiá van na proa. Os dous repiten presenza expositiva, con Poldras, Costoya, Miguélez, de Sousas, Antonio Castro, Otero, Besada, Macias, Añón, Fraga ou Suso León, todos con dúas obras, agás Francisco Pazos, con un suxestivo guerreiro, e Manolo Ebra, o home da comisaria, con cinco cadros. Con eles, desta volta, Alexandro, Galia Blanco, da Pena, Alicia Larssom e Astray. O diverso e irregular conxunto non ten máis argumento ou fío condutor que a varianza reunida. Denantes estiveron Vidal Souto, Santeiro, Leandro Sánchez e Moreiras, o que resulta paradóxico por tratarse de artistas que viven nesta terra..., como tamén algunha presencia/ausencia no elenco anunciado. Elo, e o recargado do conxunto, unido á deficiente información das obras, dificulta a correcta percepción do proxecto, que debe mellorar de continuar noutras prazas. 

O conxunto comparte protagonismo de tempada cos Beléns. Así na entrada da ampla sala o da Asociación Belenística Ourensá. Son obras que reúnen devoción, tradición e arte, no que as dotes escenográficas dos autores poñen a proba a fe. Nesta ocasión os Reises aparecen en carros de bois, e as casas semellan pallozas castrexas. Mais o espírito do Nadal queda un tanto esvaído. Pódese recuperar, se queremos, visitando outros, xeito clásico de proceder entre nós dende fai décadas, e que aínda se mantén. Así é boa idea achegarmos ao da igrexa de Santa Eufemia no oco da fachada. As súas antigas e fermosas pezas se iluminan á vontade dos contempladores. Pequeno e clásico. Dando a volta ao quinteiro entramos no Bispado onde está a exposición xa usual dos Beléns do Mundo. O contraste do seu pobre e sinxelo mundo co reformado interior do Palazzo, luxoso e ostentoso, é rechamante. A capela do edificio nacido para Seminario podería ser un entorno máis apropiado, coa oportunidade engadida de coñecer un pouco máis o patrimonio cultural. Así, fomos na pescuda dun Belén particularna rúa Bonhome, noutrora arrabal da cidade. Propiedade de Elisa Seijas, autora que segundo dixeran acadara cando nova primeiros premios. Eran os tempos franquistas da ‘Sección Femenina’. Está instalado no baixo dunha vivenda antiga e fechada, na que tivo unha peixaría fai anos. Damos conta do interese polo tradicional e artesanal do conxunto, desde o Facebook, no que vimos as fotos, nestes días de xuntanzas familiares, e de amigos, co gallo da familia primordial de Nazaret.

Te puede interesar