Opinión

Das acuarelas ao 
óleo, comenzo e ocaso

Pablo López Prol da inicio ao seu camiñar plástico. Na vila de Castro Caldelas está a expoñer dende fai un tempo as súas acuarelas, inspiradas nun patrimonio arquitectónico que coñece de seu. De formación arquitecto, ben de recoller a comezos deste ano o Premio Fin de Carreira do C.O.A.G., polo proxecto de Estadio Olímpico na Ribeira do Manzanares (Madrid).

En Ourense leva un estudo de arquitectura e deseño (PLP Atelier Arquitectura) cos dous socios. Nas obras coas que se presenta no salón nobre do castelo, dende un debuxo de trazo seguro, unha praxe mil veces repetida, hai un afán, ou desexo, de crear unha nova visión da súa terra caldelá. As imaxes enmarcadas en ‘Ao redor do castelo’, teñen o sabor fresco do inmediato do Sketchcrawl Galicia, grupo no que se integra en Ourense. E aínda que reflexe un modo de ver afín á profesión, sabe amosar unha visión distinta, con capacidade para engaiolar dende a súa sensibilidade para a cor.


Pereira

Son os camiños que amosa de terra e auga, sendas polas que andar, espazos nos que moverse no devalar das horas calmas, co sol, seguindo a luz. Desprazarse paseniño, á descuberta atenta das cores das follas das árbores, movidas polo ar, coa poeira nos pes, un mundo sen homes, o seu, e tamén sen frores ou paxaros ou casas. Os camiños do mar, de area e auga, ríos segredos que se abren cando suben as mareas. Canles segredas que son, cara o interior, verdadeiros camiños de prata, augas que flúen entre a herba e as árbores, sen xente, casas ou paxaros. Formas na luz, son fragmentos de mundos soñados por un home, Castor Díaz, o Pereira, ao que dicían o ‘Cotrozo’, que os fillos, e amigos, quixeron que pasara a ter carta de natureza coa mostra pública das súas pinturas, óleos en papel ou tea, obras intimistas que fixera para si, con espátula e técnica impresionista dende a formación con Montes Areas, artista autodidacta vigués.

Nacido en 1956, tivo coa súa parella obrigas familiares dende moi cedo, o que non impediu que chegara nos inicios a ser mestre, para traballar logo na Caixa de Aforros, morrendo fai un par de anos. As obras expostas na sala pequena do Centro Cultural se acompañan dun gran catálogo ao coidado de Duen De Bux, que contén outras obras, con casas e escaleiras, motivos plásticos para compoñer, volumes entre o ar e o ceo, mundo salferido de beleza e saudade, como a de Díaz Castro, nestas datas no XXV cabodano. Na súa obra revela a débeda do seu mestre Santiago Montes, que lle transmitiu a preocupación pola composición, o equilibrio formal e tonal, e o manexo das perspectivas cromáticas, proceder que tamén aparece en Xosé García, ‘Albeos’, médico xinecólogo e alumno seu. Hai, entre nós, unha mestra da espátula, Carmucha Vázquez. A artista ourensá ben de amosalas fai pouco nas terras do Parque Natural Transfronteirizo do Gerês-Xurés, recente Reserva da Biosfera Transfronteriza, na fermosa vila en Entrimo.

Te puede interesar