Opinión

Espantallos e entroido

Co comezo das exposicións de ‘Periferias’, do Outono Fotográfico, as salas do chamado Museo Municipal de Ourense énchense con tres mostras da sección oficial. Cláudio Garrudo está na máis pequena delas con ‘Substantivo feminino’, contorno do corpo feminino en dezaseis diminutas obras imaxes de 8,5 cm por 5,5 cm. Recoñecido en Portugal, fundador do Bairro das Artes na ‘7ª colina’ de Lisboa, ben de gañar o pasado mes a Bienal de Coruche (Ribatejo). Antes, ocupa o espazo Catrine Val, alemá nada en Colonia, que logo de pasar por Kassel trae ‘Philosopher, the dismal science’ (filósofos, a ciencia triste), na que analiza a perda da conexión coa natureza  no noso mundo, anceio dela, cosmovisión romántica de harmonía; e con ela ‘Lotus cronicle’(crónica del loto), ámbalas dúas de 2014, que coloca nas paredes con cravos, unha en gran formato e as outras sur montadas nela. Son todas mulleres da India, sen elementos que indiquen casta, amosándose con un concepto igualitario, dende o xénero, vindicación do seu poder nun contexto vital.


Mais son os ‘Espantallos’ de Manuel Sendón (A Coruña, 1951), no primeiro andar, ‘a exposición’ do centro expositivo municipal. As fotos coa Hasselblad, ás que engade vídeo con música en pantallas de plasma, para mellor captar co vento a maxia destes obxectos de uso práctico no rural galego entre o millo e outros cultivos. Documenta con ollos de artista a actitude dos labregos do noso campo por darlle un novo significado, e valora a súa actitude por aproveitalo todo, que tan fondo está na nosa cultura campesiña..., e a de todo o continente europeo! Así pon na mesa a cuestión do ‘feísmo’, e sinala ‘que non se trata de idealizar os comportamentos mai si contribuír a desmontar certos estereotipos’ despectivos. O profesor de fotografía da facultade de Belas Artes de Pontevedra salientou que "se topamos en Europa un envase reciclado para recoller o lixo, destacamos con admiración a súa cultura de reciclaxe". Unha acaída posta en escena dende a retranca, unha estática e unha estética do territorio, do director do Centro de Estudos Fotográficos da UVigo (con X.L. Suárez Canal), e que entre outros proxectos ten levado a cabo ‘Mil ríos’ (con Fran Herbello) e ‘Ourense de auga e pedra’ (Ir Indo, 1990), con texto de Carlos Casares. 


Museo do Entroido
Na antiga Praza de Abastos de Xinzo, abriuse o Museo cos dezaoito entroidos máis importantes de Galicia nestes mesmos días. O tan demorado proxecto presentado antes do 2000, que implica aos gobernos autonómico e provincial, abre así a porta á cidadanía logo de tres lustros, como un importante escaparate da variedade de iconas da festa grande do pobo por excelencia. Dende a fonda raizame na Limia, un museo vivo, como a propia celebración, con arquivos visuais e sonoros, e actividades..., con un centro de estudos que dinamice a memoria legada máis alá dos manequíns. Así, coa oficina de turismo e o albergue para os peregrinos a Santiago, por este camiño Meridional, ou do Sueste, se transformará Xinzo. Para elo, terá que abrir os fins de semana...

Te puede interesar