Opinión

Exposicións e libros

Pos Finalizando está a exposición do artista lugués das Mariñas Xoán Guerreiro (Xove-Lugo, 1956), no Centro Cultural da Deputación. Unha mostra de veduttas mariñas da súa costa galega, auga e ceo, brisa fresca para este tempo de canícula adiada. Logo do seu paso pola santiaguesa Casa da Parra da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia chegou ‘Elízara, lugar onde non estiven’. Eis a conexión do anterior concelleiro coa súa cidade, unha máis. Son óleos de gran formato, e outros máis pequenos, engadindo tamén uns debuxos en grafito, dende os que amosa o xeito de construír, do bosquexo á obra final, madura e reflexiva.

Mestre de técnica precisa de liñas equilibradas, de xeometría hipnótica, para amosar construcións urbanas e industriais de Galicia, rigor que contén así mesmo na súa paleta cromática, cos tons da nosa luz atlántica. A pintura de Guerreiro non é figurativa, máis si de formas recoñecibles, que son dende a súa visión cousas e volumes nos que desprega o seu abano de recursos plásticos que se inspira en lugares do Berbés en Vigo, e o das torres xemelgas, o Barqueiro, o Esteiro, a Rúa Real de Ferrol ou a illa Sarón, fronte a Xove, obras que antes exhibiu en Ferrol en 2013. Ten participado en exposicións colectivas e numerosas individuais desde os anos oitenta. Entre 1992 e 1994 obtivo a bolsa de pintura Valdearte, no Barco de Valdeorras, e foi seleccionado para a Mostra Unión Fenosa. Outras das súas facianas, son os murais, as capas de discos para Xocaloma e Fía Na Roca. Debe salientarse a de ilustrador de libros, como ‘A fonte da vida longa’, ‘Tralas portas do rostro’ de Marica Campo e ‘Ninguén chorou por nós’ de Miguel Sande, que foi en 1998 premio de teatro Rafael Dieste.

A exposición da Animación á Lectura no segundo andar do Municipal, obra de novo de María Puertas, ten servido de ambientación para os cativos dos institutos e colexios ata estes días. O tema da viaxe como metáfora, efectivo traballo o desta artista e mestra. Este é tamén un tema acaído na chamada ‘Feira’ do libro de Ourense, desta volta no Paseo, mobilidade con respecto do pasado ano na Alameda que malia gañar en centralidade revela agora na Rúa os límites dos postos en ringleira, todos corridos. Abondaba con que fosen de tres en tres, para evitar que viandantes e veciños teñan unha barreira arquitectónica. Así os lectores poderían achegarse de xeito máis doado.

E xa se tiveran cores distintas, e rechamantes, que fixeran máis vistosas as barracas, axudaría aínda máis. Ver a Miguel Anxo Fernán-Vello presentar o libro gañador do XXX Premio de Poesía Cidade de Ourense, ‘Luz extinta’ de Xavier Rodríguez Baixeiras, ten mérito en si mesmo. Devalamos cara O Liceo, na procura da tranquilidade e o frescor do lugar, na calorosa tarde ourensá e vemos con calma na penumbra a exposición de Mecha (Mercedes Nieto), de Pontevedra, uns xogos obsesivos de cor en pequenos soportes, nos que están pegados os prezos con inxenuidade explícita...

Te puede interesar