Opinión

Exposicións narrativas de Poldras e Nati Bermejo

Nati Bermejo.
photo_camera Nati Bermejo.

Remoe “Poldras” (Xosé Manuel Rodríguez Alonso, A Coruña, 1969) con afán e pedagoxía de docentes, e tenta que abramos os ollos dende a significada sala da entrada do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación. Eis unha lección sobre a percepción das diferencias máis aló das aparencias para camiñarmos xuntos, e entendermos, con peixes como protagonistas, un texto-fábula. Un banco deles é verde, vermello o outro, cores simbólicas como ideas primordiais, fillas da luz. Os líderes falan sen entenderse, mais cando o verde vira aqueles danse conta que é vermello como eles, e chámano. Ao verse de novo verdes danlle as costas os vermellos. Plantexamento dende o “tíñano todo claro, como a auga”, e nó, “iguais por un lado eran distintos polo outro”; mais hai desenlace, segundo o clásico sistema das tres unidades, xa que logo unha quenlla verde e un pequeno peixe vermello son quen de navegar xuntos, no que parece latexar a anuncio bíblico do lobo e o cordeiro. Todo elo expresado en vinte follas de gravados, para ilustrar o seu texto. O espectador sabe así que ámbolos bancos de peixes son da mesma especie, mais segundo o lado do lombo que vexamos... Pois como sinala no folleto, Celia Díaz “avanzan xuntos en feliz compaña, nun cardume relucente e ledo”. Ela e Xabier Ron completan a colaboración literaria. A reflexión ábrese paso ao saírmos da sala. O artista xa tiña visitado o CCMV en 2010 con “De rerum natura”.

THE GROUND WHERE I STEP ON 

Así a instalación que coloca no piso a profesora de escultura da UVigo, María Natividad Bermejo Arrieta (Logroño, 1961), docente no campus de Pontevedra dende 1994. A artista rioxana amósanos unha nova función da quinta parede da sala Alterarte no Campus de Ourense, sendo quen de utilizala, de onde o título, “o solo que piso”, que se transforma en rechamante espazo expositivo nun diálogo binario cos elaborados debuxos das paredes, en B/N, con grafito e gouache sobre papel, para presentarmos unha narración contraposta entre o motivo representado e o motivo presentado, en palabras de Sara Donoso, quen coordina esta nova proposta do ciclo expositivo que comisaría Activar a mirada, des-ordenar o pensamento, comezado o pasado curso académico, na que escolle artistas mulleres que aportan diferentes formas de ver a realidade. Pretende unha narración coa que facer unha especie de antropoloxía ou xeoloxía do contemporáneo, nas súas palabras, e que parte do parqué expositivo de baldosas con variados obxectos achados en paseatas, unha pedra rachada, asfalto, un fósil ou unha pedra volcánica, dende a rebusca consciente, que falan por oposición dende o centro ás paredes, e comparten unha acción, que ten que ver, segundo Bermejo, non só co do noso arredor senón tamén co pasado.

A artista formouse en Belas Artes na Complutense, Madrid, até a licenciatura doutorándose en Salamanca en 1991. Da súa ampla traxectoria é mostra o debuxo de 1994 na colección do Museo de Arte Raíña Sofía e a recente colectiva na Rioja Mulleres nas artes plásticas, pasando polo Centro de Arte Caja de Burgos, 2008, Galería Estrany-de la Mota. Barcelona, 2009; gustando saber como lle puxo La nave de los locos a dúas mostras en Madrid e Sevilla. A sombra de Jheronimus van Aken, o Bosco, é fonda.

Te puede interesar