Opinión

Figueiras e Le Cirque du Figuier

Álbum de versos e cromos.
photo_camera Álbum de versos e cromos.

Na pista do circo, a cabra, a foca e a xirafa cuberta de lume fan cousas raras para o seu ser. Diante o domador dálle a man a un neno, e non levan ollos nin nariz, e ao carón unha das estampas dos Caprichos, “Ni mas ni menos”, de Goya: un mono pintando un asno que posa, reproducíndoo con golilla de maxistrado. Vamos, que o mono-pintor representa aos clientes como queren eles. Asnería e impostura. Manolo Figueiras cambia o contexto do gran mestre aragonés pois engade “No moriras de ambre” (sic). Este sistema de construír dende obras escollidas da historia da arte aplícao dende o lamento de María e Xoán de “Cristo morto”, escena de Mantegna transformada nun espectáculo circense. E o “Cabaleiro da man no peito” do Greco, aparece sendo atravesado por floretes e espadas nunha caixa de cartón. E o anano El Primo, de Velázquez, reaparece chorando baixo do traga sables. Ou a Mari Bárbola do seu cadro das Meninas levanta unha pancarta no medio da pista na que se alcanza a ler, “trazaz art” como se fora un palíndromo, frase que se pode ler igual ao dereito a do revés. 

Pintura sobre madeira, con relevos nalgunhas, de pequeno formato, na Galería DodoDadá, preto do Posío. O circo como espectáculo e a arte canónica tamén, unha mensaxe de denuncia en clave hiperbólica. E tamén da literatura, e velaí o monólogo de Hamlet... Mais toda función é para un público. Este asiste como unha masa deshumanizada, que mira a crueldade cos animais, e que dicir da xentiña pequerrecha e as deformidades, a diferenza de base, os fortachóns e contorsionistas, os funambulistas, e os falsos dramas de poñer a vida en risco con espadas, que fan espectáculo do drama.

Manuel Martí Figueiras (México D.F., 1961), licenciouse en Xeografía e Historia na USC e exerce de docente en Pontevedra, e ten feito ilustración de libros, de Rosalía, “Os contos da avoa Pepa” de Chisco Fernández Naval , ademais de Xosé María Álvarez Cáccamo, Riveiro Coello, Manuel Outeiriño ou Lucía Novas. Na pintura, e o gravado, ten realizado exposicións, a máis completa na sede da CEO en 2017. Na cidade as placas cerámicas do Roteiro da obra “A Esmorga” de Blanco Amor. Con anterioridade, “Mitografías”, 2011, na Coruña; “A mesma historia 40 veces”, Centro cultural da Deputación, 2003, e na Casa de Galicia, Madrid. Adoita participar en colectivas e con algún amigo como Miguel Karballo, que tamén escribe. Arte, literatura e vida.

A muller barbuda de Ribera e o domador de cans.
A muller barbuda de Ribera e o domador de cans.

Trala inauguración, que presentou Antonio Fernández Seoane, profesor de instituto como Manolo, e tamén artista, houbo un acto para dar a coñecer unha publicación, baseada na exposición, de cento cincuenta exemplares numerados e firmados, e unha manchea de cromos coas obras para pegalas nas acaídas páxinas ilustradas en B/N. Nel hai unha escolma de poesías, dende Rainer María Rilke a Álvaro Cunqueiro, e polo medio, Idea Vilariño, Brossa, Rimbaud, Pablo Otero e tamén o “Seo”, e García Lorca, entre outros, como o Pessoa de “O poeta é um finxidor. Finge tao completamente que chega a fingir que é dor a dor que deveras sente”. Ensinar deleitando, como dicía o P. Feijóo, e con retranca. Le Cirque du Figuier c’est ça!

Te puede interesar