Opinión

Gil e Cuéllar, artistas visuais

É a primeira exposición individual absoluta de Francisco Cuéllar Santiago. Nacido en Badajoz (Fuente del Maestre, 1983), achegase este xoven artista á terceira sala do Centro Cultural da Deputación de Ourense para presentarmos unha mostra familiar e persoal na súa linguaxe visual: con imaxes en movemento, e co apoio dunha instalación audiovisual unha película ad hoc en bucle e, dun xeito moi efectista, lanza a proxección a través da fiestra contra unha das paredes para reproducir unha aperta máis alá das dimensións da vida entre el e o seu pai, xa en foto, pois morreu...

Debaixo do xogo de imaxes hai un paralelepípedo con varias pezas enriba, entre elas un peto-porco e un casco de botella de viño portugués. Colocándoas nunha determinada posición, pódese escoitar unha ambientación sonora. Busca así o novo artista, darmos un sentir persoal, que semella intransferible, e sen pudor algún pon diante de nós, cos recursos da técnica de hoxe en día, a súa perda, compartida dende o vídeo e as pequenas fotos familiares, a recreación persoal dun sentir.

Con unha man chea de recursos para a narración do íntimo, que exhibe, unha sinestesia transferida para calmar o seu corazón doente. Mais quere agochalo tras do ‘Ecce Homo’ de Nietzsche, con unha cita do pensador prusiano in situ, e o título ‘Nitimur in vetitum’, é dicir, botámonos sempre cara o prohibido, frase do filósofo alemán que non é orixinal, pois baséase en Ovidio e a súa obra ‘Amores’. A expo ten pois unha soa obra, que é como unha cadea, espallada nos distintos eslavóns. Diante, no espazo das grandes fotos, hai un libro de artista, unha das paixóns deste artista pacense que vive en Madrid, peza que ten de por si vida propia: eis o papel da Cultura da Civilización.



CON XULIO GIL ‘CEA REFULXE’

Santiago é de arte e de pedra. E ten unhas pedriñas pedras de chocolate e améndoas, que fai unha famosa pastelaría. Cea é pan, dende fai centos de anos, e dende fai máis de dous lustros refulxe coa Indicación Xeográfica Protexida e os seus dezasete fornos. Xulio Gil, gran fotógrafo galego, tennos amosado dabondo dende fai décadas, con gran técnica e sensibilidade, ser un especialista na arte monumental Galega. Así se pode apreciar no libro que ilustra para o texto de Bieito Iglesias e Engaiolarte Edicións, que ben de presentar no Centro Cultural, espazo onde fai uns meses a súa mostra fotográfica ‘Retablos e Diálogos’, triunfou no outono ourensán. O retablo do Pan de Cea que se estreou loce agora no centro da exposición que coordinamos, ‘San Cristovo de Cea refulxe’. Ao seu carón un feixe selecto de imaxes cheas de fermosura e ‘savoir faire’ do mosteiro cisterciense de Oseira. Os tres claustros desde as respectivas fontes, escaleiras, bóvedas da igrexa e capítulo baixo, os santos... As rechamantes alfaias seleccionadas polo fotógrafo ourensán-vigués son, a esencia do Concello. Ámbolos dous serán tratados nun curso monográfico da UNED-Ourense na próxima fin de semana. A exposición poderase visitar ata fins de abril, na primavera.

Te puede interesar