Opinión

Lobato, fotos de viño e premio

No vestíbulo superior do Auditorio está, dende hai uns días, “Rías Baixas. O viño do mar’, do fotógrafo coruñés Xurxo Lobato. É parte dun traballo de encarga máis amplo para conmemorar o 25 aniversario da Denominación de Orixe Rías Baixas. Foi a súa estrea no verán de 2013, amosándose en prestixiosas salas do País Galego, caso do Centro Sociocultural da Fundación Novacaixagalicia da A Coruña, a de AFundación de Vigo, e tamén en Santiago..., chegando agora ata Ourense, onde estará ata finais de xuño. O gran fotógrafo fai unha especie de crónica visual, que quere ser unha homenaxe ao ‘viño enamorado do mar’ (sic).

Na selección de imaxes en varios paneis consegue amosar a paisaxe da Denominación de Orixe, panorámicas e primeiros planos, con algún picado, encadres todos e descritivos. Ao longo dun ano de traballo, quixo expresar, coas súas cámaras e obxectivos, como mudan viña e adega: eis o traballo e os días, como deixou dito Hesíodo. Máis Lobato presenta sempre a faciana amable e dourada da actividade económica, vistas de postal. Esta é unha paisaxe de cores intensas dende as castes monovarietais, organizadas en ringleiras simétricas de ar marcial que destacan entre os cultivos de horta de minifundio, e as árbores.

O viñedo en espaldeira, cos parrais facendo innumerables túneles lintelados, arquitectura vexetal necesaria para evitar o exceso de humidade, nas modernas plantacións con sistemas mecanizados; e o tradicional e característico minifundio, máis humanizado, fotos nas que a luz define as estacións climatolóxicas. A proximidade do mar, con choiva e néboa, ou nas tardes de calor abafante, que suaviza e prende nas vides e acios están aquí. Todo elo, trae dende a memoria artística as variacións de Claude Monet, diante da catedral de Rouen. Logo

está a labor do enólogo... Tódalas fotos, ata 265, e un texto ad hoc, do que é autor o académico Cristino Álvarez, conformaron un magnífico libro trilingüe que acadou o “Best Wine Book Award 2013” na categoría de libro de fotografía e viño de España fotografías, que se amosa nunha vitrina.

O Ribeiro

Máis recente que a orixe desta exposición fotográfica viaxeira, que chega con discreción, en tempos electorais, no mes que se iniciou coa Feira do Viño en Ribadavia, está a saída estratéxica que fixo esta Denominación de Orixe con catro ribeiros do Ribeiro, fotos de Lobato e música de Guadi Gallego: as ‘Emocións by Ribeiro’, novo plan iniciado na Cidade da Cultura compostelá no contexto da exposición xacobea ‘Camiño.A orixe’. Porque o viño é un produto esencial do noso patrimonio, que se une aos outros patrimonios, o dunha terra coa súa historia que é vida de seu nunha paisaxe propia. As imaxes de Lobato son unha fermosa narrativa para chegar ao corazón da xente que ama as Rías

Baixas, as recortadas terras dun dos máis afamados viños brancos galegos de España. Máis nos nosos ribeiros do Ribeiro, do Avia, do Miño e o da Arnoia, tamén ‘maduran racimos de estrellas... en los sarmientos de las noches’, como escribiu Dª Emilia Pardo Bazán.

Te puede interesar