Opinión

De mares, peixes e marionetas

Millarouso é un lugar da parroquia da Inmaculada Concepción da Diócese de Astorga, concello ourensán do Barco de Valdeorras/Ourense. Corenta e cinco habitantes no 2011, e baixando. De aquí, desta terra de dobre titularidade é Lola Daponte, artista que está a expoñer na Galería Sargadelos unha mostra de peixes e marionetas... Esta dobre temática son a súa presentación. Maldad, unha das marionetas, con rostros de muller en rictos, figuras estáticas e pequenas que emerxen dun fondo que se move; e as de Procesión, un contraste entre as grandes marionetas con túnicas don debuxos de follas, e un curiña cuberto por bonete de catro dedos e borla de flocos levando un bordón; e logo os manequíns bailaríns de Espera, femininos e masculinos...

No seu mundo submarino, de técnica máis colorista e co recurso ao volume, van en Iluminados, uns peixes; en Fondo con pulpo, os peixes, e as medusas no azul do segundo plano; ou Camaradas, dous peixes de cores xuntiños... Son ámbalas temáticas unha representación dun equilibrio dende o silencio, onde a artista decide, coa súa mirada, os territorios nos que expresar unha seguridade dende a inseguridade. Apenas coñecida aínda, o concurso da súa nova voz plástica faise necesaria.

DE MARES

Coa superposición de planos a tridimensionalidade, co mar de fondo: esta é a habilidade dende fai uns anos de Miguel Piñeiro Pérez, que reside desde 2009 entre nos. Nacido en Vilagarcía de Arousa en 1976, artista novo gusta de traballar os xogos visuais para crear un concepto de bodegón disparatado, axeitado para os convulsos tempos. Así consigue sorprender ao espectador, dende a dúbida do engano, coa pintura acrílica en metacrilato e resina, e un fondo, elaborado recurso técnico para o que precisa construír unha caixa de madeira, caso de Paul&Shark ou tinta de lura. Noutra, fai un estanque para carpas, Koi, ao modo xaponés, nun lavabo. Este lonxevo animal é utilizado polo seu aspecto ornamental como mascota, e dela hai asociación en España.

A recepción da imaxe, aparencia e realidade, é o seu xeito de comunicar, na serie das gotas; ou a billa sobre a louza/estanque, cos seus brillos. Algúns dos hiperrealistas norteamericanos, como Eddy ou Goings están preto. Mais o autor ten recoñecido débeda con Koons e César Galicia, pintor este de Madrid que ten vivido en Nova York. Miguel Piñeiro ten amosado a súa obra máis en cidades como A Coruña, onde en 2014, presentouse en Moret Art, sala que xa visitara outras dúas veces. Logo desta sala fetiche para el, ten levado a súa obra a Santiago, en concreto á galería de José Lorenzo, e tamén no Mº do Pobo Galego. O escritor de orixe alaricana Alfredo Conde, que ben de acadar o premio Ateneo de Valladolid, acompañouno na presentación desta exposición da Galería Visol, como admirador do seu estilo. Neste mundo de hipermercadotecnia o traballo de Piñeiro é de equilibrista, con gran dominio dos recursos plásticos visuais, sempre figurativos, e por elo recoñecibles, para a interacción co público, dende a emoción, unha viaxe veloz pola corda floxa na que procura non mirar abaixo.

Te puede interesar