Opinión

No tempo de Nadal e Reises

Espello da sociedade é a arte, e tamén é vehículo de utopías. A arte dálle esperanza á xente, que se transforma en forza, para poder loitar por outra vida mellor. Está nos museos, e as súas imaxes divúlganse dende as reproducións dos libros, espallándose neste tempo noso á pantallas dos nosos pc conectados á net. Mais para elo é preciso saber ver, educar a mirada.

John Berger, pensaba que ver dependía de costumes e convencións. O famoso escritor británico propoñía refugalas, adoptando un método escéptico, e malia ser un marxista convencido, pensaba que a arte ’celebra al ser humano en la esperanza de recibir una respuesta más segura, pues la cara trascendente del arte es siempre una forma de oración’. Así é a mirada deste tempo entre Nadal e Reises. Aproximémonos á antiga capela de San Cosme onde está o Belén de Ourense, da autoría de Arturo Baltar Santos, aproveitando que a fachada ten outra luz, rechamante xeito de chamar a atención nos días singulares que andamos. As lámpadas especiais nas rúas e os conxuntos-marco colados en puntos significados da cidade crean ambiente e falan. Así o Xardín Xaponés no Parque de San Lázaro, en Saenz Díez, cara o centro comercial, e tamén nas Burgas, Outariz, ademais da árbore da Praza maior e as fachadas da Casa do Concello e Deputación: todas escintilan cando chega a escuridade da noite. Desta volta a ponte vella amosa unha secuencia de cores, para chiscar os ollos a uns días únicos dende os sentimentos, máis alá do cemento común, o cristianismo.


Vale dicir que este é tempo de beléns públicos, en parroquias, congregacións relixiosas, máis tamén en asociacións de veciños, colexios e no Ateneo e Liceo. A eles hai que achegarse, e ata o Palacio Episcopal onde están en exposición os ‘Beléns do Mundo’. Convén ollar tamén o belén de terracota de Maite Vázquez na Catedral, nunha capela da nave norte, figuras repoludas xurdidas do seu candor e espiritualidade, con escenas do ciclo litúrxico de Nadal, ás que engade Santa Tareixa de Calcuta. Mais a creatividade da artista non se detén, e neste ano desenrola o concepto da Virxe-casa, inspirada nas Abrideiras medievais, cos reises pintados na porta e o misterio de de Belén no interior. Mais é o gran belén da capela de San Cosme, unha vez máis, onde acudimos para celebrar o espírito do Nadal.

Tralo cristal, e disposto como si a nosa bocarribeira ourensán se levantase cara a parede do fondo, atopamos o mundo do rural, con senlleiros edificios da xeografía provincial. Nel inseriu o lonxevo artista escenas de oficios e ambientes con personaxes do seu proprio universo, autorretratándose no taller de olaría. Eis o mundo do rural, dende os seus saberes, ao que engade escenas relixiosas dende unha espiritualidade apegada á terra e os costumes tradicionais. Todo sucede diante dos ollos asombrados dun balbordo de xente, que hoxendía bate coa despoboación, impensable cando o artista fixo o conxunto: unha Arcadia feliz que conxura a súa desaparición física real no tempo de Nadal e Reises.     

Te puede interesar