Opinión

Ourense no tempo, exposición de esencias

Noaia de Quesada, e Risco, recreado por Celsius Pictor.
photo_camera Noaia de Quesada, e Risco, recreado por Celsius Pictor.

Eis unha mostra esta da sala d’Afundación concibida en follas de cebola, ou por mellor dicir, capas. A da Idade Contemporánea, coa que rematabamos hai uns días con AD, a igrexa das Lagoas e os Salesianos na antiga fábrica Pérez Bobo, ten unha narrativa que continua co arquitecto Antonio Crespo e o plano do Palacio da Deputación, 1904, a escultura ornamental da Negresa, coa que o Liceo Recreo Orensano, nado na segunda metade XIX no antigo palacio dos Oca-Valladares, faise presente, institución das elites e símbolo cultural de amplo espectro dende a democracia. Outra raíz é a fundición Malingre Parmentier dende 1860, representada polo pote de ferro, e da que temos aínda o palco da música da Alameda. Da época da restauración borbónica finisecular é Parada Justel, cunha obra de formación entregada á Deputación pola beca da estancia en Roma, 1898, que revela a excelente man que amosaría en Recuerdo de las joyas de 1901, obra mestra, un ano antes de morrer con 32 anos... Do más logrado da exposición é o modelo realista en barro de Isidoro Brocos para o concurso da estatua de Fr. Benito Jerónimo Feijoo Montenegro, “ciudadano libre de la República Literaria” da Ilustración, colocada coa monumental fotografía do día da inauguración da obra seleccionada, a escultura historicista de Juan Soler i Dalmau, o 8 de setembro de 1887. Creouse daquela a praza de Isabel a católica nos terreos noutrora dos xesuítas,  expropiadas ao Bispado. Funcionan así as pezas como tiradores dos caixóns da memoria da cidade. Tiras deles e miras dentro. Así os documentos, de Alfonso III de Asturias e León que restaura a Sé de Ourense no século IX ademais doutras portuguesas; o da raíña Tareixa ao bispo Diego que lle concede feira mensual en 1122 e o control da cidade; e o missale auriense, libro galego impreso máis antigo rematado o 3 de febreiro de 1494 en Monterrei por Gonzalo Rodríguez de la Passera e Xoan de Porras. Ou a folla da árbore xenealóxica dos Puga, familia que axudou á reconstrución da igrexa franciscana no primeiro terzo do século XX, ao igual que os Temes e a súa dona, a marquesa da Atalaya Bermeja, de gran influencia no Ourense daquela...; La Región desde 1910, e La Centvria, Revista Neosófica, 1917-1918, con Vicente Risco, Primitivo R. Sanjurjo, Cuevillas ou Otero Pedrayo, xermolo do grupo Nós. 

Velaquí a Ourense, Atenas literaria, que evoca a man do gran ilustrador ourensán Celsius Píctor, con Lamas Carvajal e O Tío Marcos d’A Portela, primeira publicación en galego, ou un discurso nun banquete de Basilio Álvarez, en paneis retroiluminados. E Curros Enríquez, Filomena Dato, Vicente Risco, Blanco Amor e Carlos Casares cos seus libros Aires da miña terra, Follatos, o Porco de pé, a Esmorga e Ilustrísima, imaxes ao acubillo da ponte vella e soportais da praza maior. E os seus retratos, cos de Xaquín Lorenzo, Otero Pedrayo e Ferro Couselo, e gravacións coas súas voces. Maxia. Tal o de colocar a foto de Risco dando unha conferencia en Santiago e o cadro Noaia, 1961, de cando Xaime aínda non era Quessada, e si dos artistiñas con Acisclo ao seu redor, o do sabio, no Tucho. E antes a elegancia parisina de Dichi, Cándido Fernández Mazas (1902-1942), con Femme se coiffent, 1927. Chapeau.

Te puede interesar