Opinión

Outras realidades

Antes de chegar á porta, o zoar do ar do Courel na voz de Uxío Novo Rey. Non pasei do limiar, ateigada a sala do Cercano como estaba. Voz contida, a borbollóns por veces, rítmica sempre -pausas as xustas-, mentres recitaba poemas de Novoneyra co libro na man, con fitas de papel a man chea. O libro semellaba así ornamentado e florecido polas folliñas, baixo a luz da penumbrosa sala, por mor da proxección no alto da parede das imaxes evocadoras dun tempo, dun espazo, no Courel lucense. Na anticipada primavera da pasada semana en Ourense entraron así no resol do solpor do día 13 pola fiestra valdeira do inverno a emoción e a vida: dunha parte, os artistas Virxilio, e Quesada (despois Quessada), o poeta na outra, que se viron, seica, no outono de 1968 cando o visitan. Dende aquela hai paisaxes a propósito en Virxilio, o Ché morre en Bolivia, e Novoneyra alumea o ‘Pranto polo Ché’, editado con un debuxo quesadiano. Hoxe, todos coa música das esferas. Tan lonxe, tan preto (qué dirían de Crimea, e nós, qué?). Poesía sentida, en staccato ás veces, pola sonoridade, polo ritmo do poema, tamén polo recordo da voz, grave, do pai. Así un libro e outro, e tamén un terceiro. Antes, na lembranza, Santiago Lamas Crego, intervíu. Uxío Novo, enraizado en Ourense, pon así raiceira ao pai Uxío Novoneira, que moito gozara coa amizade de Reimundo Patiño, Laxeiro, Carlos Maside, Viola ou Tino Grandío, aos que lles dedicou poemas nos que expresaba mundos visuais próximos. Os textos de presentacións dos seus catálogos, e a súa arte, influiron decisivamente na súa poesía visual, caligramas de tallista escultor do verso esencial dende a vida, escolla consciente dun ser con raizame para Galicia.

 

‘OUTRA REALIDADE'

Así denomina as súas obras Ana Iglesias, fotógrafa artística. Na sala pequena do antigo Simeón, centro cultural da Deputación, trae un feixe delas, a gran tamaño. Son imaxes de efectistas luces conseguidas no estudo fotográfico, atelier dos prodixios nos que a química comparte hoxe en día espazo coas equipas informáticas para a postproducción. Mais a vella alquimia mantense. Con elas, fotos/cadros, quere mesturarse co mundo da pintura (noutras salas, Santeiro amosa estes días obras nas que teima que as pinturas semellen esculturas). E abofé que engaiola a ilusión. As obras -instantáneas, retratos, reportaxes en eventos- reflicten miraxes, espellismos, unha forma de ver, e sentir, dende o feminino, calor e agarimo. Así nunha mazá mordisqueada por unha moza da festa do 17 de maio en Vilanova dos Infantes: cor nas máns (encarnado) e nas vestimentas de liño (estofado), como si dunha talla barroca se tratase. Eis a lección de Ouka Lele, quizais, mais a imaxe da nena coloreada de Janusz Kaminski no film da ‘Schiendler list’ aboia poderosa. Nesta romaría das Letras Galegas unhas mozas fancéndose confidencias chaman a súa atención, e nun papeliño, sobor do vestido, lése ‘Residencia San Carlos. Celanova’. Así no retrato da rapaza co libro, en realidade un caderno de follas baleiras, no que escribir o camiño desta artista.

Te puede interesar