Opinión

A paradigmática suite artística de Xulio Gil

Pon diante dos nosos ollos o artista Xulio Gil Rodríguez (Ourense, 1954) catro lustros e medio das súas accións creativas nunha selecta retrospectiva en “Símbolos do conflito” (2000-2022), unha escolla comisariada por Xosé Lois Gutiérrez Faílde (Lalín, 1976), fotógrafo e docente. Ámbolos dous acordaron cunha dialéctica visual deslumbrante o elenco expresivo máis decantado e salientable del, mostra que comeza coas súas propostas máis recentes, en crescendo molto vivace, que sube de intensidade a medida que nos mergullamos nesta danza de arte. Un ritmo e intensidade narrativa do gusto de Hitchcock.

Pasear asombrados polo labiríntico espazo da mostra supón unha experiencia sensorial dende os primeiros pasos pola concentración dos estímulos visuais que, en crave conceptual, vai amosando a dereita e esquerda. No inicio, dúas obras baseados en Ourense, Pórtico do Paraíso e ciborio catedralicio maridados cunha vieira e castañas de marrón glacé son o acaído introito dende Olores e sabores do saber, 2001, libro con Carlos Casares, e que inicia as series que condensan o traballo artístico do Xulio Gil máis recente e que están en relación coa antropoloxía da alimentación, o dos Gastro, salientando os que recrea dende os bodegóns de Sánchez Cotán enriquecida con demostracións dos teoremas de Simson, Brocard ou Tucker, para chegar á recta de Euler xuntando a licenciatura en matemáticas, da que foi profesor, coa expresión plástica. Entre tódolos Gastro (2020-21), os Petro, con senlleiros fondos de petróglifos, son sobranceiros. En paralelo, coloca os Retablos esenciais (2007-2015), da uva, millo e castaña, e algo dos do pan e das oliveiras, “cobertores da fame mantel da vida” segundo Isabel Santos, un significado unicum do Retablo da Pataca e do meu pai, fulcral...

Nesta escolma de imaxes conceptuais deixa ver o seu gran dominio da cor, recente arquetipo de beleza, e logo de pasarmos diante das cúpulas vexetais e arquitectónicas, 2017, achámonos co impacto do branco e negro cun forte granulado, aquelo da fotografía como arte da luz, para entrar no recuncho primordial co círculo, esvástica e espiral apreixando “contra si a chave que abre a Porta do Coñecemento sobre o Alén e o Máis alá” (Rodríguez Casal): eis a Capela dos Arcos, con pétalos das súas roseiras de Covelo. E por tras, tamén con petróglifos, a Capela dos homes, que completa o código binario, de 2010. O val do Avia nas Cepas vellas, 2016; os panais nas Moradas, 2018, comparten con Penumbra do sal, 2019 e Matrilineal, 2009, retratos corais familiares das mulleres dunha familia, namentres que con Fénix, 2000, une o retrato estático en parellas aos que engade frores de cor, efecto buscado tamén en Trompos, 2008, aínda que á inversa, cos bailaríns e as buxainas. Velaquí, nas súas palabras, o seu “libro de once poemas”. Velaquí o seu camiño creativo amosado no edificio Castelao do museo de Pontevedra, ao que engade pousos en expositores, publicacións facendo duetto, como Vigo: fronteira do alén, 1988 con Méndez Ferrín, e Petróglifos de Galicia, 2009, con Antonio de la Peña. E tamén as pegadas pioneiras no libro biográfico, 2004, que recolle a obra anterior, inmensa e intensa, deste fotógrafo de xenio, grande da fotografía de autor, que é un antigo, por pioneiro, dende mediados da década dos setenta, sendo un moderno de manual, pero que é sobre todo un clásico contemporáneo.

Te puede interesar