Opinión

A poesía dos camiños da arte e do viño novo

Un anaquiño da colectiva.
photo_camera Un anaquiño da colectiva.

Manuel Lourenzo González (n. Vilaboa, Pontevedra, 1955) escribe un texto que dá título á colectiva dos artistas catro artistas. O laureado escritor, premiado co Carvalho Calero por As Paisaxes compartidas, o Café Dublín por Noites de papel, o Narrativas quentes por Infidelidades compartidas, o Xerais por o Xardín das pedras flotantes, e xa para os novos e picariños o do Barco de vapor por Mundo Arb ou o Merlín por Irmán do vento. Arqueofaxia, de 1995, e premio García Barros, sendo esta entre as súas obras a que leva un título con semellanzas co conto suxestión da mostra. 

Un Visitante que esperta nunha praza cadrada da que saen rúas perpendiculares, Arqueografía, Roxonomía, Fractalismo e Constelaria, e malia percorrelas até o final acaba nela sen cambiar de dirección. Algo así como se fose unha banda de Möbius. Bucles. Son os camiños, e o que ve neles abanea as súas lembranzas e sentimentos. Todo lle parecen claves na procura do nome da súa Raíña: un Xogo coa súa Arqueira contra as Feras dun Circo na procura do Trono e a Fama, que un negativo Talismán fixo trousar todo en Laio. Máis ao final deu co verdadeiro nome dela. Daquela, ela acordou na súa cama, pensando como lle chamaba ao home da mochila... E agora, dende esa noite, había unha nova esperanza entre eles. Nunha vitrina-expositor vese o nome das rúas-abano das que saen fíos entre elas que cobren o texto das oito palabras-facho sobre unha gran interrogante.

Catro son os camiños de cadanseu artista, Itziar Ezquieta (n. A Coruña, 1975), Belén Padrón (n. Oviedo, 1976); Manolo Figueiras (n. México DF, 1961) e José Carlos F. Seoane (n. Ourense, 1967). Deles son as obras de “Había outra vez...”, exposición no CCMV, da Deputación ourensá. Son as de Ezquieta e Belén luminosas, ben acaídas as de Manolo e Seoane, e todas moi suxestivas. “Respóndale el marinero / tal respuesta le fue a dar / “yo no digo mi canción / sino a quien conmigo va”. Xosé Lois Vázquez fai o espectacular catálogo da colectiva, con intencións dende a mesma portada: “Había ou- / tra vez...”. A bos entendedores... 

 PERFORMANCE DE VIÑO E POESÍA

Dúas teñen sido as sesións de Cata a arte tamén, con recadación voluntaria para Aodemper, entre as obras desta mostra. Unha delas a de Viña Costeira, acompañada da música de blues de Néstor Pardo. E a Arco da Vella, Adega do Eladio, e da que quero salientar pola singular posta en escena dos viños entre lías de poesía, a declamación poética na compaña do cantautor Andrés Fernández e José Luís Fernández ao piano, sendo Benito Eladio Rodríguez, poeta e escritor, ademais de empresario-fundador desta adega de Beade, o mestre de cerimonias cal Joel Grey en Cabaret. O autor de “Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira” ou “Versos á Mulher Poeta”,  fixo unha defensa en “Lamento da terra envelenada” das tradicionais prácticas: “todas herbas boas son / se no chau segado quedan / as herbas metabolizar sulfatos han”, facendo un chamado “Tornemos á viticultura dos devanceiros, / fuxamos do cancro devastador”, e “ofrezamos viño san ao consumidor”. Unha singular sesión na que participaron tamén poetas varias, como o ano pasado. Había unha vez...

Te puede interesar